Godos

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

02 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

PADECEMOS de febleza men­tal e, ademais, parecemos orgullosos. A escena é verídica: un equipo de fútbol galego, poñamos por caso o Pontevedra, xoga un partido importantísimo nunha localidade canaria, por exemplo Lanzarote. Nas gradas hai uns cantos galegos, moitos traballadores da construcción, outros socios do centro rexional, unha desas institucións das que tan ben se soubo apropiar o Ministerio de Información y Turismo tardofranquista. Ós que veñen da Península, e en especial ós galegos, os canarios de toda a vida chámanlles godos, e pintan sobre os cubos do lixo letras infamantes: «Godos, aquí». Xunto ó campo, os godos falan cos que veñen da Península de temas do norte, coma o que cheira a fábrica de Lourizán ou do caros que van os pisos en Pontevedra, e de cousas do sur, do que se gaña dando masa horas e horas colgado dun andamio e dos últimos accidentes laborais. E do tempo, ese tema recorrente cando dous galegos non saben o que dicirse. «Se é que aquí vivides no paraíso», di un dos peninsulares. Os emigrados replícanlle: «Isto era un paraíso. Agora está cheo de moros». Os moros, os marroquís, ven practicamente a súa costa desde as Canarias; os godos, os galegos, viven nas illas coma osos polares no deserto. Pero o caso é ter alguén por debaixo.