O compromiso filosófico como proxección do cidadán

La Voz

PONTEVEDRA

25 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago, Xosé Luis Barreiro Barreiro, ocupou o tempo de tarde na xornada de onte. Na súa exposición para explicar a relación entre filosofía e compromiso, comezou citando a Leopoldo Cea e a súa posición sobre o compromiso do filósofo: «posto que a filosofía non pode estar aillada da sociedade, o compromiso do filósofo só pode proceder do compromiso individual do cidadán, debe ser unha proxección do mesmo». Tamén indicou Barreiro Barreiro que «non existe unha filosofía abstracta, toda filosofía é concreta posto que nace de actividades que son concretas». Nesta mesma dialéctica indica Barreiro que a filosofía non é unha actividade exenta da realidade social e das súas causas, senón que se trata dunha actividade inmersa nas mesmas e, polo tanto, ten que telas en conta á hora de traballar. Tamén se referiu o profesor compostelán á obra do cubano Raúl Fournet, outro dos ponentes desta Semana de Filosofía, en relación coa perspectiva eurocéntrica e co papel que, con respecto a ela, xoga Latinoamérica, distinguindo a intepretación habitual de Europa a América e a nova interpretación que ofrece Fournet que comeza en Latinoamérica e remata en Europa, nunha proposta que esquiva claramente o eurocentrismo dos últimos anos.