¡ARRE HO! | O |
24 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.PROBEN algún día a abrir o xornal e a facer coas noticias como facían os surrealistas, aquelo da libre asociación das ideas. Onte, por exemplo, a min saiume unha moi boa: estaba lendo na páxina 26 de La Voz unha crónica sobre os lapsus lingüísticos de Ana Palacio, a decimoquinta persoa máis poderosa do mundo segundo The wall street journal -os catorce que van diante son xogadores do Madrid-, e vin ó lado un titular pequeno pero terrible: «Un tigre de circo se come el brazo de un hombre». Tremendo. Despois, á volta da folla, había outro moi bo: «La vivienda en España cuesta el doble de lo que pueden pagar los jóvenes». Imaxínense: un vai coa metade do seu soldo dar a entrada para un piso en Santo Antoniño e ¡zas!, o promotor transmútase en leopardo e vai e arríncalle ó coitado cliente unha zanca. «¡Espere, espere, que agora vai ver os acabados!», di o tipo da inmobiliaria entre bocado e bocado. Talmente coma naquela película dos oitenta na que Natassja Kinski se convertía en pantera para merendarse os seus amantes. E vale que con Natassja Kinski polo medio a cousa pode ter o seu encanto, pero cun constructor... ¡xamais!