Nin a vostede nin a min

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO!

18 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O CASO DAS PRENDAS falsificadas que requisaron esta semana en tendas de Pontevedra non ten nada que facer ó lado doutra falsificación mil veces máis cruel que se destapou tamén aquí, haberá un par de anos. Entón, o que os trileiros de turno nos vendían eran Pikachus, personaxes de debuxos animados que, polo que se dixo, só se semellaban ós reais. Pareceralles estúpido, pero diferencia haina, e senón pensen nos nenos que mercaron os dobres desa especie de gato galáctico: non é cousa de broma que a un lle empaqueten un ídolo falso. Imaxínense que un vai ver a Ronaldo e resulta que o que xoga é un Spasic bronceado, ou un Rexional inchado de clembuterol. Ou que lle venden un líder centrista, centrado e centrípeto e dous días despois atopa fotos do home con camisa azul e camiñando baixo palio do brazo do xefe de Estado do réxime anterior . Estando o ambiente como está, sospeito que o tipo que roubou as bandeiras da Cámara Agraria -por certo, a quen interese, a galega, aínda sen escudo, era máis grande- non fixo máis que levalas para comprobar se son verdadeiras ou simples fotocopias que non o representan nin a él, nin a vostede nin a min.