¡ARRE HO!
16 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.SE GEORGES PEREC conseguiu escribir una novela, La disparition , sen usar a letra e -a traducción ó castelán, El secuestro , é unha proeza lingüística sen ningún a-, ¿por que non vai ser posible ter unha praia sen area? A Silgar fáltalle plataforma, pero sóbralle bandeira azul, e non queda máis que engadir. Ó fin e ó cabo, vivimos no país de ser sen ser, da casca sen ovo. Temos alcaldes que hoxe son independentes, mañá do PSOE e máis tarde do PP. Hai políticos con pasado próximo ó franqueirismo -de Franqueira, o dos polos-, que chegaron ó socialismo gracias á intercesión de históricos do ucedismo e ata do franquismo que se converteron ó antibaltarismo, ou a todo o contrario, que nunca se pode dicir deste ismo non beberei. Desfrutamos de milagres cotiáns como o da transformación de fondos europeos en parques industriais sen industrias e portos deportivos para magnates adiposos, e vemos unha televisión pública montada para promocionar o idioma pero na que se acerta máis co prognóstico do tempo que coa colocación dos pronomes. To digo eu . Dentro de pouco, teremos unha Cidade da Cultura vacía -xa verán- pero que, iso sí, está entre os dez proxectos arquitectónicos máis importantes do mundo. ¡Polo menos! O mundo: quen sabe o grande que é, dicía o meu tío Constante.