Está gordo

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

XA QUE SE FALA de modernizar as eleccións, as autoridades deberían pensar seriamente en obrigar os presidentes das mesas electorais a entregar un recibo acreditativo ós cidadáns despois de introducir o sobre. Desa maneira poderase facer iso que prometen nas grandes superficies: se un se sente estafado, devólvenlle os cartos, ou a papeleta, neste caso. Non digo que isto se empregue para reclamar incumprimentos de programa electoral, porque o sistema colapsaríase en cuestión de semanas. Sen embargo, podería ser útil para evitar que a un lle quede cara de tonto cando ve como se empregou finalmente o seu voto. ¿Que corpo lle pode quedar a alguén que votase ó PSOE en A Lama, agora que o grupo de goberno deixou de ser socialista e se vai convertir, paso a paso, en conservador por arte de birlibirloque? ¿E que dicir da xente que confiou no BNG nas autonómicas, convencida de que o que facía era votar contra Fraga, e agora ve como o Patrón e Beiras escenifican con alegría unha cerimonia de apareamento digna da ave lira? Claro que quizá todos estes cambios de chaqueta, de traxe e de corbata non sexan máis que cortinas de fume para ocultar o verdadeiro problema deste país: Ronaldo está gordo. Que escándalo.