UNHA DAS GRANDES atraccións das festas da Peregrina será unha cantante que, polo visto, desafina máis que un coro de irmás calasancias. Non só iso: segundo parece, a xente irá en masa ó concerto sobre todo para poder ver ata que punto destroza as cancións a moza, e logo comentar coas visitas. Pouco teñen que envexarlle á desafinada vocalista -chámanlle vocalistas ós cantantes os mesmos que lles din temas ás cancións- os seus compañeiros de reparto. Un deles é unha especie de estatua de Fidias musculado e con voz de castratti ; o outro, un delirante cruce de José Manuel Soto e modelo de colonia para el hombre , que leva toda a semana proclamando na prensa o guapo que se sente, e o encantado que está de coñecerse. Noraboa pois. Así lle somos neste país, canto peor, mellor. Ata hai pouco, os karaokes eran antros fin de festa para perdidos, borrachíns, debuxantes e demais noctámbulos de lingua pastosa. Agora, gracias á televisión, son pedra angular dun Estado no que se volve falar de Eurovisión, de Gibraltar, de Juanito Valderrama, das campañas norteafricanas e da final da Copa de Europa, prezos para señora, caballero, cadete y niño. Pasen e vexan.