Un día nas entrañas da factoría

La Voz

PONTEVEDRA

FIRMA

20 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

: OLOR A POLBO COCIDO. Por primeira vez en moito tempo, o olor a polbo cocido dominou onte o ambiente en Lourizán. Ence abriu as portas da súa fábrica de papel para que familiares e amigos dos seus traballadores, xubilados y tamén algúns curiosos puideran visitar as entrañas da factoría. Ducias de persoas acudiron ó controvertido complexo para coñecer de cerca o proceso industrial de producción de pasta de papel, e para comer á sombra das columnas de fume e de vapor máis visibles de toda a ría de Pontevedra. : O MELLOR DA MAÑÁ. Durante o paseo da mañá, o mellor foi ver como os pais explicaban ós fillos con orgullo a que dedicaron o seu tempo durante os últimos anos. «Estas son as cubas para lavar a pasta de papel, aquí é onde se pon branca», dicía un home ó seu neno, «e este paisano que sae na foto é o que traballa comigo». Outros falaban con tono irónico da grande actividade que despregou estes meses a empresa pasteira, que se lanzou a patrocinar a equipos deportivos da zona, e que foi visitada nas últimas semanas por empresarios e políticos. «Se viras o outro día a Fraga», bromeaba un home, «víase negro para subir por aquí». : PERCORRIDO ACOUTADO. Ence instalou valados para acoutar o percorrido dos visitantes, que puideron entrar case en cada dependencia do complexo. «Lástima que non deixen entrar onde teñen as lixivias e os disolventes», burlábase un traballador. As intrincadas instalacións de tubos, cubas e manguitos, as enormes torres de metal brillante, os chafarís de vapor quente e a atmósfera Blade Runner impresionaron os novatos. Aínda que o lugar no que máis exclamacións de admiración se escoitaron resultou ser o departamento de embalaxe de pasta de papel: unha gran máquina robotizada lanzaba latigazos de cabo metálico para empaquetar a producción de la factoría. : UNHA CARPA ATEIGADA. Fóra, a empresa instalou unha enorme carpa. Debaixo dela, ducias de invitados esperaron con tensión e o estómago disposto a hora de dar conta dos aperitivos. Pero houbo que esperar ata o final dos descursos. Uns altavoces emitiron durante toda a xornada música robótica estilo Kraftwerk, sobre a que unha voz varonil recitaba o proceso de fabricación da pasta e as últimas novidades intruducidas por Ence na súa factoría. Un pallaso entretiña os nenos ensinándolles os secretos da globoflexia, xunto á nave do almacén principal. : XAMÓN DO PAÍS E EMPANADA. Mentres, nun extremo do recinto, unha atarefada pulpeira traballaba sen descanso entre potas e pratos de madeira, asombrada polo enorme número de comensais que se xuntaban arredor das mesas. Cerca dela, un grupo de dez xubilados non demasiado interesados por procesos industriais, blanqueos con osíxeno, actos institucionais e demáis andrómenas, aplicábanse con delectación ó consumo de xamón do país, empanada e albariño, con evidente satisfacción. E iso desde as doce e media do mediodía. Cada un vai ó que vai...