«Defendemos que Ence esté onde está»

La Voz

PONTEVEDRA

MERCEDES ESCAURIAZA A ENTREVISTA Rafael Iglesias, secretario comarcal da CIG en Pontevedra Non ten apego ó cargo. Iso di Rafael Iglesias, secretario comarcal da CIG en Pontevedra. É un histórico que se define coma «un servidor dun proxecto sindical» e se o 19 de xaneiro ten o consenso necesario para seguir, continuará como cabeza visible da central nacionalista na comarca. A pesar de que o ano que termina o fai cos sinsabores dunha das folgas máis duras que se lembran en Pontevedra e en Galicia, a de Transportes La Unión, Iglesias confía en que o 2002 sexa máis tranquilo. Afirma, para quen o dubide, que con vontade de diálogo se pode conseguir. Iglesias móllase cando describe como «malas» as súas relacións con Comisións Obreiras e, sobre todo, ó sinalar que «hoxe por hoxe non se dan as circunstancias para o traslado de Ence».

29 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Ve o futuro de Tafisa con certo pesimismo, «na medida en que a fábrica está obsoleta, estanse a reducir turnos e persoal e, de momento, non hai nada feito sobre o proxecto de traslado a uns terreos á altura de Curro». Di que espera non equivocarse e engade que «a Xunta e tamén o Concello terían moito que dicir para concretar un traslado que é a salvación». -¿Cal é a súa visión sobre Ence e Elnosa? -Ence ten futuro. Quédalle por rematar o ciclo productivo que demandamos hai tempo, nun radio de acción de vinte quilómetros. Esperamos que esta idea se faga realidade. Sobre Elnosa, sabemos que hai acordos de carácter parlamentario, pero nós non temos responsabilidade sindical aí... E ben, CC OO e UXT, como comité, teñen definida unha liña de actuación e parécenos ben. -¿O ideal sería trasladar as tres fábricas? -No tema de Ence a pregunta ten miga. Se en Tafisa témolo moi claro, no caso de Ence hai que darlle tempo ó tempo e xa se verá o que sucede. Se o día de mañá se da o traslado, será cun pacto de moitas partes. Hoxe por hoxe non se dan as circunstancias e nós defendemos que Ence esté onde está e defendemos a ubicación da papeleira para completar o ciclo productivo. Sobre Elnosa, insisto, preferimos non opinar onde xa o fan outros. Sen embargo, diría que se os tres pilares industriais son os que dis, tamén está Tréves, á que vemos como un puntal da economía da comarca. Pola contra, estamos preocupados con Pontesa. Gustaríanos que o día de mañá a experiencia aportada en cerámica industrial seguira. -¿No plano sindical o 2002 será máis tranquilo? -É difícil falar de futuro. A min, no Nadal do 2000 se alguén me di que o 2001 ía ser tan movido sindicalmente, ben, ¡pois diría que non! Agora, no 2002 espero que non. Se hai problemas, que sempre os vai haber, cando menos que se de unha vontade de diálogo, tanto por parte dos sectores empresariais como, por suposto, do mundo sindical, no que, cos seus distintos matices, sempre se da. O 2001, para nós e para min, no compoñente persoal que ten, foi moi movido, un ano con bastante tensión. -¿Aprendeu algo do conflicto de La Unión? -Sempre se aprende en tódolos conflictos. A vida non é igual que antes, cando había as catro regras da aritmética. Hoxe, tódolos días ocorren un montón de cousas novas e se aprende. Con La Unión aprendín moitas cousas e espero que outros tamén o fixeran. -Hai quen di que si e quen opina que todos perderon. -Ben, cada un intenta arrimar a ascua á súa sardiña. Pero este conflicto veu imposto, penso que por unha actitude dura da patronal, por unha nula representación do comité, que era claramente amarelo, e por uns traballadores queimados. Houbo unha protesta e a patronal, ante isto, optou por unha postura dura, sen saídas, e vímonos nun conflicto cun círculo pechado. E, menos mal que a última hora, incluso moi tarde, Cuiña e a Xunta o desatascaron. Pero quedou unha situación que, aínda que se ten solucionado, foi dura e con perda de postos de traballo, etcétera. Agora espero que con Castromil non sigan nese método, porque é unha empresa galega e na CIG preferimos ter patróns cun pé nesta terra. Da folga de La Unión saímos mellor do que se pensaba. A UXT tivo unha actitude máis digna, con diferencia, e Comisións, máis dura connosco, cun dobre xogo. Pero é a realidade sindical que existe e con isos factores son cós que tes que xogar.