Xinzo conta na súa contorna cun foxo dos lobos. E non se trata nin da Casa do Concello nin da sede popular, senón dunha desas míticas construcións, cheas de embruxo e misterio que floreceron por toda a xeografía galega na Idade Media, a partires do século XII e debido ó amplo censo de lobos que poboaba os montes da nosa comarca sementando escurantismo, medo e perdas tanto no gado coma na xente. O foxo dos lobos de Xinzo da Limia está situado no monte do término municipal de Fiestras, agochado entre silvas, xestas e toxos agarda paciente esta construción milenaria de muros de sillería de dous metros de altura dispostos ao longo dun quilómetro e que a xeito de gran embude lítico servía para dar caza ó lobo nas habituais batidas que segundo conta o arqueólogo David Pérez organizaban as monterías reais de Alfonso X, moitos séculos antes da invención das armas de pólvora.
Nas batidas participaban pobos enteiros, berrando, correndo, a paus, e dirixindo estratexicamente ao lobo cara ás inmediacións do recinto mortal onde acurralado pola xauría humana non tiña outra que unha última franqueira insalvable na que caía nun profundo foxo. Participar nunha desas batidas medievais tiña que ser toda unha catarse colectiva onde máis que perseguer ó pobre cánido era toda unha loita contra o mal en si mesmo. Hoxe, aínda asumido o do homo hominis lupus est , a loita ten que ser outra, a de responsar como un elemento desta envergadura patrimonial, singularidade etnográfica e interese turístico pode estar esquecido e desaproveitado entre o estrume do monte despois dun goberno de trinta anos, agora finiquitado cunha escatolóxica sucesión de asalto interesado á Alcaldía de Xinzo que segundo pasan os días semella unha auténtica batida medieval de foxo dos lobos.