COMPLICIDADE

La Voz

XINZO DE LIMIA

XOSÉ M. FERNÁNDEZ COSAS é profesor de ensino medio

17 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Nos doce relatos que Casares presenta neste libro resultan especialmente significativas as referencias que se fan a personaxes históricos imaxinarios, inventados ou reais (que isto é o de menos), pero que cobran na prosa do autor de Xinzo de Limia vida de seu. Uns personaxes que teñen en común a relación dun feito extraordinario ou cotiá, pero sempre sorpresivo, ameno e que semella natural. Cunha prosa sinxela, na apariencia, traza Casares uns relatos lúdicos, lendarios, ás veces, humorísticos, de fonda sinceridade, ateigados de lirismo e tenrura, con matices expresivos novidosos e despoxados de toda artificiosidade lingüística, que non creativa. O conxunto resulta realmente engaiolante para calquera lector que se achegue a eles coa mente aberta e disposto a se deixar seducir polo xogo intelixente da imaxinación. Ao final a sensación que fica é: veño de non perder o tempo. Paseino ben. É un reencontro estimulante coa lectura. Desde o normando Orm, a quen despois de ter chegado a Galicia como pirata e ser sempre bo e xuicioso, lle foi concedido o don do regreso ás súas terras nórdicas, pasando polo Alquimista Caaveiro ao que lle interesou máis adicarse a fabricar gando, que facer ouro para o rei, o que foi motivo suficiente para que fora axusticiado, e rematando por O republicano de Francelos, con claras referencias a Os camiños da vida de Otero no que atinxe a Eguía, ao boticario Xosé María Chao e á tertulia que este mantiña no Ribeiro, que por iconoclasta e revolucionario tentou un rexicidio. Morreu o insigne republicano, de diversas maneiras, segundo as versións, despois de ter proclamado a república independente de Francelos. Agora que o destino quixo rematar, antes de tempo, coa vida física de Casares non hai mellor xeito de facer homenaxe a todo home ou muller da república das letras que ler o que deixaron escrito. É pois, este un momento para ler e gozar coa lectura deste libro .