Un libro, unha aldea: o mundo

«Vilardevós», a primeira novela de Silvio Santiago, publicouse co entusiasmo de Otero Pedrayo e Franco Grande

Portada orixinal da novela
Portada orixinal da novela

Nestes meses, moitas persoas repararon na importancia da aldea e da vida en contacto coa natureza, e dalgunha maneira púxose en valor esa Galicia rural tantas veces esquecida. Paralelamente, a reclusión fixo imprescindible botar man da literatura para entreter as horas e as preocupacións. Se preguntásemos por unha novela galega que sexa un bo retrato do mundo rural que foi esmorecendo seguramente a maioría de nós diría Memorias dun neno labrego, a obra de Xosé Neira Vilas que, dende a súa aparición en Buenos Aires en 1961, se converteu nun clásico popular. Mentres, en Galicia, nese mesmo ano saía do prelo Vilardevós, a primeira novela de Silvio Santiago, centrada na historia do pequeno Manoliño e da súa infancia nunha aldea da provincia de Ourense próxima a Portugal.

A pregunta da filla

Silvio Santiago foi un dos moitos galegos que tivo que exiliarse en América unha vez que se produciu a sublevación fascista. Seu irmán fora fusilado, e el, anarquista e membro do Partido Sindicalista, fuxiu a Portugal, de aí a Cuba e, finalmente, a Venezuela. En Caracas entra en contacto co galeguismo, crea o Centro Galego ou dirixe a Casa Galicia. Alí nace a súa filla Silvia, e por ela comeza a escribir Vilardevós, para responderlle á pregunta que lle facía decote: «Papá, ¿tú qué eres?». Como para moitos exiliados, escribir foi unha terapia para matar a saudade ou a tristeza de estar fóra, e tamén unha forma de resistencia, botando sempre man da memoria. A identificación co Balbino de Neira Vilas ou o Manoliño de Santiago era moi doada para boa parte da sociedade galega, e de aí o seu éxito.

Vilardevós publicouse co entusiasmo de Otero Pedrayo, que firma o prólogo, e de Franco Grande, que levara o libro á Editorial Galaxia, pero Silvio Santiago recoñecía que escribía para a súa xente da aldea sendo consciente, como di no limiar, de que a maioría non podería gozar desas páxinas. A veciñanza de Vilardevós era en boa parte analfabeta, e ao seu regreso a Galicia o escritor, que acadara unha boa posición económica, falaba sempre en galego para facerlles ver alén dos prexuízos. Hoxe gustaríalle saber que Vilardevós mudou, que a xente le a súa novela e que dende alí se seguen narrando outros mundos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Un libro, unha aldea: o mundo