ANACOS | O |
23 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.MANOEL de Oliveira facíalle dicir a un dos personaxes das súas películas nun deses diálogos tan característicos da súa obra -que como vimos hai pouco no festival de cine non eran do gosto de Joaquim de Almeida- que cada obxecto lembra a súa ausencia. Nesta fera invernía ourensá cada rúa, cada obra, cada espazo da memoria colectiva da cidade lembra a ausencia dese neno nobre, grande, agarimoso, leal e desinteresado que era Luis Borrajo. A morte é sempre inxusta e dañada, mais por veces é tan sorprendente como unha coitelada no peito da memoria de todos nós. E esa, a morte, a que nos roubou para sempre a posibilidade de disfrutar da amistade de quen era tan xenial escultor como inxenioso e afable contertulio e compañeiro de inquietudes e proxectos, de quen sabía que os xenios son aqueles que fuxen dos medios como os manteiros da policía -e non os que venden a súa alma por unha miserable foto e un minuto das faiscas dunha gloria que só está no seus soños-, do que tiña por moeda a amistade, a beleza e a palabra. Por máis que pechemos os dentes coa carraxe non conseguiremos vencer ó destino e o Borra non voltará. Aínda así nós sabemos que o Luis está na Alameda -nesa moza da que cando falaba se interesaba máis pola arte de reproducir o peiteado, o proceso de fundición ou polo morbo de facerlle de virxe ás «chicas» da rúa que polas teorías do crítico de turno-, acompañando ós rapaces do campus e da Casa da Xuventude, conversando con esa Calpurnia Abana que agora potenciará como se merece César Portela, nas pezas que foi regalando ós amigos e nese espazo privilexiado que se gañou por méritos propios como artista internacional. Amigo Jorge, sintoo moito, máis non vou cumprir a promesa de ir a Vilardevós nestes días. Xa sabes a razón.