DIARIO DE AURIA | O |

17 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

SORPRÉNDEME a mala noticia lonxe de Auria, mirando o mar frío do norte, encrespado. Eu, coma o mar, quedei frío tamén. Hoxe tiña escrita unha colunma que falaba de ganas de vivir, de cercanías, do amor e da ilusión que nos mantén en pé: a ilusión que nos salva do tedio. Tiven que cambiar. Estou nun ciber, entre xente que non me mira. Eu tampouco podo mirar. Só contemplo o meu adentro apenado, exasperado, triste: morreu Luis Borrajo. Era un escultor inmenso. A súa obra quedará por sempre nos recantos de Auria, onde a arte, que permanece, será capaz de vencer á morte. Artista dende sempre e ata o final. Recluído en terra de artistas libertarios, Vilardevós, para construir o edificio magno da sua obra. Era dos bos e xenerosos. Era. Maldigo o «ser» en pasado. Porque eu querería encontrarme con él nunha feira en Verín, preguntarlle cómo vai, en qué traballan as súas máns, os seus ollos atentos, a súa intuición de artista auténtico. Querería escribir as palabras máis fermosas para que as colgase no vento libre de Vilardevós (como un persoanxe de Silvio Santiago) para que acariñasen o seu corpo grande. Rotundo. Para que dictasen os versos inolvidables que fosen capaces de vencer a tristeza, o absurdo, maldita sexa. E só podo golpear teclas con rabia. Auria perdeu a un dos grandes, indispensables, que será máis grande co paso do tempo. E eu no puiden estar onde debía. Onde estaban os artistas de Auria: o seu corazón enardecido e solidario, como camaradas. Os artistas de Auria estaban contigo, e estarán, Luis. Eu, sen embargo, estaba aquí, lonxe de Auria. Contemplando o mar que nos separa. Os gregos aseguraban que cando todo remata había que cruzar unha lagoa. Un océano, talvez. Tí cruzache ese mar antes de tempo. Sen previo aviso. Déixasnos o teu recordo. Grande, xeneroso, perdurable. Eu permanezo aquí. Inmovil. Tan frío, Luis. Sen ti.