O alcalde de Vilar de Santos súmase ao proxecto de En Marea

La Voz OURENSE / LA VOZ

VILAR DE SANTOS

Xan Jardón e o exrexedor, Xosé Antón Jardón, participaron no mitin de Ánxeles Cuña e David Rodríguez no pobo

20 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A «confluencia» é a palabra que está a definir o proceso seguido polas diferentes formacións que se xuntaron para dar lugar a En Marea. Así o recoñecían o domingo no seu encontro con candidatos e simpatizantes do movemento Xulio Ferreiro (alcalde de A Coruña por Marea Atlántica) e Íñigo Errejón (Podemos) no acto celebrado no salón de actos da Biblioteca Pública de Ourense. Esa concorrencia parece ir sumando novos apoios conforme vai avanzando o proceso das autonómicas. Os candidatos de En Marea acudiron na fin de semana ao municipio de Vilar de Santos e entre os participantes na convocatoria, e os oradores, contaron coa presenza do actual alcalde e o seu antecesor no cargo: Xan Jardón Pedras e Xosé Antón Jardón, respectivamente.

No seu perfil en Facebook o exalcalde de Manzaneda, e número dous de En Marea, David Rodríguez colgaba fotos do acto da tarde do domingo acompañadas dun texto: «Xan Jardón e Vilar de Santos súmase á marea. Xente xenerosa que acumula forzas para que todos poidamos ter #UnPaísXusto. A marea non para de recibir apoios. O cambio está en marcha #HaiMarea». Tanto o actual alcalde de Vilar de Santos como o seu antecesor xa viñan expresando o seu apoio a alternativa dende as redes sociais.

Baixa en Compromiso

Xan Jardón accedeu ao cargo de alcalde de Vilar de Santos dende o BNG, formación da que tamén procedía o exalcalde Xosé Antón Jardón. Máis adiante abandonou o proxecto para integrarse en Compromiso por Galicia. Precisamente desta formación procede un dos candidatos de En Marea, xa que Xosé Manuel Pérez Bouza foi cabeza de lista nas autonómicas do 2012 pola alternativa que lidera Bascuas a nivel galego.

Nas municipais de maio do pasado ano Xan Jardón Pedras optou a revalidar o cargo de alcalde como candidato de Compromiso por Galicia. Antes do comezo da campaña das elecciones autonómicas do 25-S solicitou a baixa como militante desta alternativa política.