O colexio de Rubiá gaña o concurso de cartaces da Xunta para difundir o Día das Letras

La Voz O BARCO

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

Os deseños serán distribuidos a colexios de toda Galicia

17 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O CEIP Virxe do Camiño de Rubiá gañou o concurso de cartaces organizado pola Xunta para elixir o deseño que difundirá o Día das Letras, que neste 2022 está dedicado ao poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), Florencio Delgado Gurriarán. Os alumnos gañaron na categoría de infantil e primaria. A directora do centro, Andrea Tato, explicou que xa se presentaran noutras ocasións pero que no caso de Florencio puideron poñer en valor o traballo feito durante anos para difundir ao autor valdeorrés. «Colaboramos co proxecto das Letras para Florencio dende o inicio así que estabamos moi familiarizados coa potencialidade da súa obra para traballar na escola, hai moita Valdeorras neses debuxos e estamos moi contentos, claro», di Tato.

Os cartaces son 10 pezas de gran formato debuxados integramente pola rapazada. Distribuiranse cunha unidade didáctica elaborada tamén polo centro, no que están matriculados 49 estudantes.

O premio está dotado con 2.000 euros, que desde o Virxe do Camiño planean invertir en equipamento tecnolóxico para fomentar a creatividade.

Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, celebrou tamén que o premio recaera nun centro educativo da comarca destacando que ten unha forte visibilidade xa que os cartaces estarán nas paredes de tódolos centros educativos de Infantil e Primaria de Galicia. Álvarez lamentou que o concurso de secundaria quedase deserto se ben destaca que «os centros educativos son unha peza fundamental da celebración da Letras Galegas e da transmisión da nosa lingua e hai que agradecer a súa implicación e incentivala con concursos coma este».