Carlos Folgoso e o feitizo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

El fotógrafo Carlos Folgoso Sueiro
El fotógrafo Carlos Folgoso Sueiro Carlos Folgoso

17 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é fácil distinguir o talento. En ocasións pensamos que o talento ten moito que ver co éxito. Non é certo. O talento camiña outras vías e contornas. Anda ao seu aire, indómito e caprichoso. Algúns pensarán que a arte de Carlos Folgoso é excelsa porque agora falan, aquí e acolá, do fotógrafo Carlos Folgoso. Porén non radica aí a súa grandeza.

Carlos Folgoso é un artista espléndido porque mirou con ollos de artista toda a súa vida. Sempre. Dende neno. A súa mirada estaba envolta nun feitizo que só acadan os seres destinados ao sublime. Un escritor, un pintor, un fotógrafo son imprescindibles cando son capaces de construír mundos propios. Ás veces, impenetrables. Vivo todos os días con Carlos Folgoso. Unha das súas fotografías preside, fronte aos meus ollos, o salón da casa. Non canso de mirala. Pregunteime moitas veces por que me regalou esta obra magnífica. E teño mil respostas. O solpor en Monterrei. Azuis, laranxas, luces e luz. Quizá alguén considere, a primeira vez que observe esta obra, que é un canto á melancolía. Equivocaríase. O solpor que me regalou Carlos é unha sonata de Valle Inclán: delicada. Inmensamente sensible. Como uns versos de Rosalía. Creo que el non sabe fotografar sen tenrura. E a tenrura, en ocasións triste, é a que ilumina cada unha das súas fotografías. Hai xente que mira dende a realidade. Os grandes fotógrafos miran dende outra parte que só eles comprenden. Carlos Folgoso, que para min sempre será Carliños, é un artista único e indescritible. En Verín poden ver a exposición Alén do lago. Perdela sería perder o feitizo. Cando chega o entroido é preciso, e obrigado, achegarse a estes magos da arte: non atados a modas ou imposicións politicamente correctas, rotundamente libres e libertarios.

Non podes imaxinar canto te admiro. Polo feitizo, Carliños. O feitizo.