O cantaor

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

Marcial Guillén | EFE

23 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Era tarde de terraza e tedio. Falabamos de asuntos repetidos. O Mariló explicaba as orixes e familiares das persoas que pasaban polo rúa Montemaior. Coñece a todo o mundo. Memoria prodixiosa, entre outros prodixios que cultiva o meu amigo da alma. O Ochoa admirábase, unha vez máis, das capacidades do Mariló. O Bernardo, tamén. Mesmo realizou a vella pregunta: «Quen é o que máis sabe?». A resposta, obvia: o Paco Mariló. Sacou peito, atusou o cabelo branco con galanura e, dadivoso, pediu outra ronda. O Juan, Juan Ramón Fuentes, non abría a boca. Perigo, pensei. Cando este home non fala, meditabundo, é que pode sorprendernos con algo inverosímil. Non me equivoquei. Dixo: «O outro día puxen o teu nome en Google». Ninguén sabía a que viña o conto. Repetiu: «En realidade puxen o nome de todos e só un ten alegría, tronío e flamenco». O Mariló deseguida dixo: «Eu non quero aparecer. Non me metades en redes». O Ochoa, o mesmo. O Bernardo temía a intervención do Juan Ramón. «Mira aí», dixo sinalando o meu móbil. «Poeta, escribe Juan Ramón Fuentes». Escribín. Foi unha das tardes gloriosas deste maio que se vai salvando. «Lucero de la mañana, bonito y blanco lucero», cantaba Juan Ramón, cantaor natural de Plasencia, segundo a internet. En Plasencia, curiosamente, casou o noso Juanillo coa súa Esperanza. Tanta casualidade agoiraba sorpresas. Así foi. O Mariló, ao escoitar ao cantaor, levantouse da cadeira e cantou por Antonio Molina. «Soy minero». O resto dos clientes do bar comezaron a bater as botellas e os vasos. E toda a Montemaior, con ritmo, gritaba: «… Y templé mi corazón con pico y barrena». Alegría, tronío e flamenco. Non hai tardes de tedio en Verín de Verín.