A espada

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

MONICA IRAGO

06 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sucedeu hai sesenta anos. Un día coma hoxe. Os Reis Magos deixaron na casa o galano esperado polo primo Gerardo. Non era a primeira vez que escribira unha carta solicitando o seu favor, pero corrían anos duros para as familias humildes (a dos Reis Magos e a nosa) e Melchor, Gaspar e Baltasar non puideran traer de Oriente a petición do Gerardo: unha espada. Aquel 6 de xaneiro de 1962, afortunadamente, apareceu prateada no balcón da rúa Travesa. Con funda que brillaba coas raiolas do sol: fulxente. O Gerardo chorou de emoción. Abrazou a avoa Araceli e a tía Coca, contento, e saíu cos seus amigos. O Modesto levaba unhas pistolas; o Toñeiras, un arco con frechas. Arrecendía a batalla campal en Verín. Efectivamente. Pasárono de medo aquel 6 de xaneiro. Chegada a tardiña, intercambiaron os seus xoguetes bélicos. O Gerardo pasoulle ao Toñeiras a súa espada e simularon un combate. Acabou mal. Un xesto torpe. Caeron ao chan e a funda e a espada marabillosa quedaron danadas: un golpe que non houbo maneira de disimular. O Gerardo regresou con tristeza á hora da cea. Contou o sucedido á avoa e á Coca. Gardaron a espada na lacena. «Non te preocupes. O ano que vén escribes outra carta e verás como os Reis han de acordarse de ti», dixéronlle. Así foi. No mes de xuño, para que chegase con tempo, o Gerardo pediu aos Reis unha espada nova. Pintou a carta de cores, estrelas, o portal de Belén e a entrada da nosa casa da rúa Travesa para que non se equivocasen de enderezo. E chegaron os Reis do 63. Outra espada. Porén algo non cadraba. No mesmo sitio, exactamente, tiña o golpe que lle dera o Toñeiras na caída. Unha casualidade, dixo a tía Coca. Sucedeu hai sesenta anos.