Admirable

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

VERÍN

LUNDBECK

08 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moito tempo, cando a vida podía ser vivida, os da cuadrilla quedabamos a miúdo. De viños ou de cea, arranxando o mundo, discutindo. Cando se trataba de coñecer algún dato específico sobre este ou aquel, todos tiñamos a nosa teoría. Porén, só un posuía a solución: o Paco Mariló. Coñece as árbores xenealóxicas de todo Verín. Fillos, pais, primos, onde viviron ou viven, en que traballan ou deixan de traballar. El dedícase fundamentalmente á observación. Dende as sete e media da mañá que se levanta ata as nove que se recolle, todo o observa. Por iso coñece datos que o resto ignoramos. Así, cando discutimos, el ten a última palabra. Aporta a súa resposta. Despois, estírase e enorgullécese e presume, para proclamar: «Son o que máis sabe». Mesmo lle pregunta á súa linda e listísima neta, Daniela: «Nena, quen é o que máis sabe?». E Daniela contesta: «O abuelo». Así é. Eu non deixo de admiralo. E máis dende que me contou a súa teoría sobre o covid. Aseguroume hai moito tempo que tiña comprobado que os máis bebedores son os que menos padecen a enfermidade. «Os que lle dan duro ao etílico, Caneiriño, eses son os que resisten mellor». Non esaxero un ápice. Prometo que é verdade. Díxome varias veces o mesmo. Observa e observa e observa e chega a esa conclusión. Pregúntome se terá razón. Porque o pasado martes La Voz publicaba unha noticia científica sorprendente: «O hospital de Santiago proba con éxito o alcohol etílico contra o covid». Lin atentamente o texto. E mentres o lía, chegou o Paco Mariló á terraza. Mostreille o titular. El botouse a rir como un condenado. Pediu un viño. Estirouse, enorgulleceuse, presumiu. Proclamou: «Son o que máis sabe». É un tipo admirable.