Falamos tanto do futuro que esquecemos o presente. A vida é o que pasa mentres ti pasas. As previsións económicas, os plans estruturais a longo prazo, os proxectos, son menos importantes que os días. Eu colecciono días de tango e nubes con sol. Teño días onde escribo poemas e outros nos que son os poemas os que me escriben a min, paseándome entre as ruínas dunha noite, un gato, a pedra vella do meu Verín esculpido con pentagramas de fronteira e frío. Teño días de azul, outros en rosa, e algúns días grises que non quero escribir por non traizoar a quen le esta columna. Os días veñen e van, acaban e recomezan con ilusións renovadas. Hai días enfermos, pero sobre eles debemos levantar a voz da esperanza. Eses días de púas, sabes, en que só pides un quérote e caen por riba de ti mil silencios. Colecciono días de espuma, cando saía o sol e aplaudía como se fose un milagre. O ser humano é un milagre constante. O latexar do corazón, sístole e diástole exactas. Vives, non permitas que rouben os días. Son teus. Podes dixerilos con gume de tristeza ou, en cambio, facer deles un concerto de grilos canarios xílgaros barítonos. Abrázate aos días, agora que crecen. Respira. Abre a boca, pero abre tamén o corazón. Que non te arruínen os que falen en clave de do (de dor, quero dicir). Que non pisen as túas ilusións. Pecha os ollos agora. Agora mesmo, ao rematar esta columna como cada xoves. Pensa nela, nel. En todos os bicos dados, pero tamén en todos os que quedan por dar. Se cres que as cousas poden ir a mellor, estás no lugar exacto: este recanto de periódico. Veñen días felices. Verás. Verás. Verás.