Teño as mesmas feridas. Coma ti levántome algunha vez querendo atrapar o sol e só podo recoller migas dun pan reseso, tan duro como o corazón dos bancos todopoderosos. Coma ti fáltanme as palabras e non sei dicir, expresar, comunicarme. Non sei querer, ás veces, coma ti. Encérrome no cuarto dos meus libros e observo a vida con tanta dor que non me consola nada, apenas. En ocasións síntome maltratado, e digo que máis vale só que mal acompañado: qué gran mentira; incluso a máis necia das compañías é mellor que a soidade absoluta (¿sabes do que falo?). Sinto tamén a maldade coma unha navalla e convírtome en malo, eu que detesto a maldade. Coma ti almorzo algunha mañá coa melancolía e con ela, cara a cara, discuto os pormenores da vida. Quéixome demasiado, e non aplaudo -soberbio- todas as venturas de existir. Coma ti, tocoume novembro no medio de abril e sentín xelo, e febre, no soño dunha noite cálida de agosto. Coma ti caín, pero volvín a levantarme. Arelaba subir ao alto do monte e comprendín que en todas montañas, cando sobes, vai frío, tanto frío. Amei e fun amado, coma ti: coñecín que a maior das grandezas do ser humano é o amor entregado, xeneroso, alto. Ás veces fun vehemente e radical, pero cos anos aceptei que só na tolerancia e no respecto aos outros repousa o fundamento da liberdade. Crecín, pero síntome o mesmo neno que lía na rúa Travesa de Verín as novelas de Stevenson. Coma ti sentinme decepcionado, pero xuro que finalmente podo afirmar que fun vencido pola esperanza. Coma ti, sigo soñando. Coma ti, non me resigno. Coma ti, cando chove, canto. Cada xoves, cómplice. Coma ti.