DIARIO DE AURIA | O |
07 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Se esta fose unha provincia con orgullo, que non o é, sairía á rúa para reclamar o circuíto de Verín. Se os empresarios tivesen amor ao futuro, máis que amor ao peculio do presente, demandarían con enerxía o circuíto. Se os políticos pensasen máis nas necesidades que no voto, que non pensan, paralizarían Auria apra que a prosperidade comezase a bicar a area da nosa praia (deserta). Nada disto sucede. Agardo, como auga de maio, que alguén faga algo notorio en pro do circuíto verinés. A estas alturas xa me parece o único modo de encarar con garantías o porvir. Para esta provincia sería unha inxección de moral, e pasta, e traballo, e imaxe, e propaganda. Pero nada. Ellos andan a lo suyo, que si estos prometen, que si los otros no cumplen, que Zapatero, que Fraga, que siempre igual. Non hai plataforma cidadá, os sindicatos están cruzados de brazos, os escritores escribimos columnas escasamente incendiarias e os pais da criatura, como sempre sucede, desaparecidos no combate electoral. Ourense precisa que o circuíto de Verín vaia adiante. E temos que facer ruído. Ruído. Que nos escoiten onde corresponda. Que ganemos unha vez. Que un soño (aínda que só sexa un, maldita sexa) poida cumprirse. Para ganar o futuro. Nada máis.