Experimento letal na cidade das Burgas

Marina Ortega EN LÍNEA

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

12 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A empatía implica poñerse na posición doutras persoas e a situación de Ourense require da actitude empática de todos os galegos. Que a terceira cidade máis grande de Galicia estea gobernada por tres concelleiros e que vinte catro pediran a dimisión do actual alcalde non podemos asumilo como unha situación normal. En tempos de pandemia a ingobernabilidade municipal é un risco que a cidadanía ourensá non merece. Tantos cidadáns que o están pasando tan mal observan perplexos o devir da cidade e o caos na xestión municipal. Claro que Ourense merece algo mellor.

Nas últimas eleccións municipais o partido socialista, encabezado por Rafael R. Villarino, gañou as eleccións en Ourense, o cal non ocorría desde 1991. Mais un Partido Popular en retroceso flagrante na cidade decidiu facer un experimento e colocar na alcaldía a Pérez Jácome, quen era terceira forza política. Fixérono para conseguir manter na deputación a estrutura de poder de Baltar. A dereita perdera por primeira vez a maioría absoluta na Deputación de Ourense e manterse no poder era a súa única prioridade, a calquera prezo. Non importaba se tiñan que traizoar aos seus votantes. E así callou o pacto: Jácome esqueceu que a súa campaña se centrara en atacar o caciquismo de Baltar e Feijoo acabou colocando ao alcalde que el mesmo denominaba como letal para Ourense. Unha páxina nefasta na historia democrática de Galicia que supuxo retorcer os votos da cidadanía. E daquilo chegamos a isto.

O PP decidiu probar un experimento letal coa cidade das Burgas. Quen creou o problema prefire mantelo antes que arranxalo e permitir que goberne a lista máis votada. E na súa estratexia de tentar buscar escusas, pasouse de freada. Pedir a retirada da vida política a quen foi o gañador das eleccións é unha actitude antidemocrática, unha forma de entender a política que non respecta os votos da cidadanía ourensá. O PP quere decidir quen pode estar nas institucións democráticas e quen non por riba dos votos. Parece que a dereita cre que as institucións ourensás son da súa propiedade. E esa non é a Galicia do século XXI que queremos e merecemos. E a cidadanía ourensá, que sufriu estruturas caciquís ao longo da historia, merece calidade democrática e respecto. Sexamos empáticos coa cidadanía de Ourense, que quere dignidade e solución aos problemas.

Está en xogo a xestión, está en xogo a reconstrución, está en xogo a confianza da cidadanía. A resposta nas institucións democráticas ourensás non pode ser «todo vale» nin «seguir así». Vexo con satisfacción o traballo que fan os alcaldes ou alcaldesas das cidades de Vigo, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo ou Vilagarcía, e en tantos outros concellos. Mais cando Feijoo contempla as cidades galegas, só Jácome é o seu representante. Pena por Ourense, non o merecemos.