«A xente nova quere ser protagonista»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Millán Brea asesora a mozos nos centros Quérote e dá clases no Campus de Ourense

30 jun 2019 . Actualizado a las 20:35 h.

A vida de Millán Brea Castro (Ourense, 1981) estivo desde neno vencellada ao barrio das Lagoas e alí, no campus, escolle o seu recuncho: a carón da sede da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE), que contribuíu a fundar e na que agora outras persoas seguen organizando actividades que dinamizan a vida universitaria e conectan distintas xeracións. Millán Brea está orgulloso de que o proxecto continúe vivo, con programas como a escola de tempo libre -onde se formaron cen persoas como monitoras de ocio-, dando saída ás inquedanzas de comunicación a través de Radio Fedello ou colaborando na mobilidade transnacional xuvenil a través de Galeuropa. «Gústame acompañar na dinamización de proxectos, pero sen necesidade de titorizar», afirma.

Millán Brea é educador social -vocacional, precisa- e traballa desde hai doce anos nos centros Quérote, onde ofrece información e asesoramento á mocidade, e é tamén profesor asociado de Educación Social no campus de Ourense. «A universidade e a educación social destacan porque hai moito máis alá da teoría, teñen sentido fóra da aula», considera.

Aínda que resida en Sáenz Díez, considera que As Lagoas é a súa zona en Ourense. «Estudei en Lagoas 3, xogaba nese patio, e logo no instituto. Ía á Casa da Xuventude e síntome desta zona», di sobre o recuncho do encontro. A Casa da Xuventude foi o que elixiu como tema para a súa tese, para estudala como proxecto pioneiro en educación social.

Nada queda daquela época, saíndo dunha ditadura, na que a xestión de Benito Losada e os técnicos que traballaban alí fixeron que a Casa da Xuventude de Ourense se convertese nun referente. «Xeraron un movemento espectacular, foron os primeiros en ter un ordenador, en deixar cedés. Agora o obxectivo é convertela nun edificio administrativo, pero a xuventude ten que crear e alí había un espazo de socialización e para crear», sostén Brea sobre a Casa. El está en contacto cos mozos e pensa que a mocidade actual ten inquedanzas e desexos de participar. «Hoxe pensamos que a mocidade é un suxeito pasivo, que a xente nova non quere facer nada e están vagueando, pero quere ser protagonista e non lle deixamos. Os mozos non son espectros da sociedade, nunca viaxaron ou leron tanto», defende o educador.

Esa mesma actitude atópaa nos alumnos que acoden ao campus ourensán. «Cústalles arrancar, pero no momento no que se comprometen con algo fan as cousas», observa.

Nas súas clases, o debate é o elemento clave. E a liberdade de expresión, un dos temas que adoita saír a discusión. Escoitar aos mozos é unha parte importante do seu traballo. E coñecer o seu mundo. «Eu, como profesor, teño que saber o que é Instagram ou os videoxogos que os mozos utilizan como xeito de comunicarse. Eu formo a xente de 22 anos que logo vai traballar con rapaces de quince», incide. Unha puntualización que lles fai aos alumnos é que na educación social non se ven os resultados inmediatos. «Sementamos para unha sociedade mellor», advirte Millán, que considera que a disciplina debería estar presente en moitas máis áreas nas que os educadores sociais poderían achegar as súas formas de resolver conflitos.

Por exemplo, defende que haxa educadores sociais nos centros educativos, como xa hai noutras comunidades autónomas. Dese xeito, asegura, poderíanse tratar doutra maneira problemas como o acoso escolar ou a ludopatía en adolescentes. «Hai que falar en positivo, resolver desde a empatía e a asertividade, non desde a sanción, buscando o desenvolvemento persoal». Por iso non comparte a visión que se dá nas charlas nos institutos de que as redes sociais son esencialmente malas. «Son positivas para estar en contacto cos teus, non hai que dicir que son malas porque si», opina.

Millán Brea tamén ten participado na política. Foi candidato ao Senado por En Marea. Aínda que non se encontraba cómodo co ton dos mitins, afirma que deu o paso por «compromiso social» e para falar de educación social.

Quen é. O seu recuncho.

o seu recuncho

Quen é. Millán Brea ten 37 anos. Naceu en Ourense e medrou no barrio das Lagoas, foi adestrador de baloncesto e estudou Traballo Social, Educación Social e Pedagoxía.

O seu recuncho. O campus, onde imparte clases en Educación Social e puxo en marcha a asociación AUCE.

De adestrador de baloncesto a educar ás familias na bancada

Millán Brea ten una faceta deportiva tamén coñecida. Agora promove o fútbol gaélico no campus, disciplina que practica, xunto co voleibol, pero a súa primeira paixón foi o baloncesto. Foi adestrador ata os trinta anos e mesmo sacou o título de técnico nacional, pero deixouno ao non poder compaxinalo co traballo. Pero segue a pensar neste deporte e presentou unha iniciativa que tivo boa acollida na Federación Galega de Baloncesto. Tratábase de formar as familias, con ferramentas didácticas, para que non houbese conflitos nas bancadas. Amosábaselles como comportarse e como animar, e Millán Brea puxo en práctica persoalmente este programa, O Baloncesto Educa, con oito clubs galegos, dous deles ourensáns. «Funcionou de xeito espectacular e era algo global, pois tamén implicaba darlles autonomía aos xogadores», especifica.

Como ourensán, Millán Brea considera que «Ourense é unha cidade fabulosa para vivir, pero falta un proxecto de cidade. Eu quero unha cidade amiga das persoas». Brea destaca que Ourense ten un movemento cultural e deportivo que «xa o quixeran outras cidades», pero cre que falta desenvolver eses cimentos, conectar as distintas xeracións e fomentar a participación cidadá.