A Coral de Ruada presume de amigos

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O Auditorio de Ourense esgotou as entradas para asistir ao concerto promovido pola entidade

13 abr 2019 . Actualizado a las 10:14 h.

«A celebración do centenario está sendo moi emocionante. A xente párate para felicitarte, e cidadáns que non teñen relación coa mesma, tanto aquí como noutros lugares aos que imos, transmítenche o seu recoñemento e os seus parabéns por ter mantido este proxecto durante todos estes anos». Así o testemuña Samuel Lago, presidente da Coral de Ruada, ao facer balance do que están a vivir os coralistas ourensáns neste ano tan especial para a formación musical ourensá.

O Auditorio de Ourense acolleu o Concerto dos amigos, e Lago exemplifica coa cita a realidade que se está a vivir no grupo: «Días antes da data xa se esgotaron as entradas e tivemos xente chamando de toda Galicia para ver de conseguir invitacións. E, con dor de corazón, tivemos que dicirlle que non había maneira de arranxalo porque era imposible».

De par da Coral de Ruada participaron no concerto os grupo ourensán Gomes Mouro, a formación Rebulir de Ramirás, Treixadura, Os Melidaos e Luar na Lubre. Amigos, por riba de todo, que non quixeron deixar pasar a ocasión de compartir escenario cuns centenarios. O presidente da formación coral considera que «isto non se pode pagar con nada. É certo que nós tamén colaboramos con eles no que podemos, mais xa só a montaxe de Lur na Lubre xa é algo que nos desbordaría», sinala Lago. Aínda quedan actividades para seguir lembrando que un día de outubro de 1918 se celebraba unha xuntanza en Villa Joaquina -onde xa figura unha placa lembrando a data- na que se acordaba promover una coral que, como quen non quere a cousa, xa é centenaria.

Un espazo público, placa de Buciños e o grande encontro nas festas dos coros históricos

A celebración do centenario da formación ourensá afronta datas de fondo simbolismo nas vindeiras semanas. As más próximas serán o día 19 deste mes, cando a Real Academia Galega de Belas Artes celebre unha sesión extraordinaria na cidade. Será o momento no que se procederá a entregar a medalla Marcial de Adalid a quince compoñentes da Coral de Ruada. Para esa mesma data está prevista a descuberta da placa que dará o nome da formación a un espazo público da cidade. Un momento que chegará co valor engadido da autoría da placa, ao ser un antigo directivo da coral, Buciños, o autor da mesma. En maio, entre outros actos, contarase coa presenza da Escola Superior de Arte Dramática, que xunto coa cos coralistas representará unha das obras de Xavier Prado, Lameiro.

Nas festas haberá o encontro dos coros históricos de Galicia: Ruada, Toxos e Froles, Cántigas da Terra e Agarimos.