«Tiñamos que ter arriscado máis»

Rubén Nóvoa Pérez
rubén nóvoa OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Agostiño Iglesias

Sobre o papel de Jesús Vázquez di: «Tocoulle un barco que estaba nunha tormenta e logrou manter o timón»

23 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A José Araújo, portavoz do goberno de Ourense e concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente, quedaralle un recordo «un pouco frustrante» deste mandato, porque cre que moito do traballo realizado cristalizará despois do paso polas urnas no vindeiro mes de maio.

-Tres anos de goberno en minoría deben dar para moitos balances. E moi diferente a ter maioría?

-O escenario é o mesmo, pero os actores son diferentes. Había unha forma de gobernar e de facer oposición, que mudaron radicalmente. Estar en minoría obrígache a facer malabares para chegar a un camiño que nun goberno en maioría conseguirías dunha forma máis áxil, como aprobar un orzamento.

-Tanto mudou a oposición nestes anos?

-Na oposición instalouse unha crispación que antes non había, polo menos na etapa na que eu estivera no goberno.

-Co nivel de crispación que existe, espera unha campaña electoral especialmente tensa?

-A campaña vai a ser dura. Vendo o perfil da oposición, sobre todo dunha parte, imos a ter momentos desagradables.

-Cre que se chegou demasiadas veces ao enfrontamento persoal no salón de plenos?

-Ao final acabas por acostumarte. Como sempre é a mesma persoa a que usa as cuestións persoais contra o alcalde e outros membros da corporación, eu persoalmente desconecto cando fala. Estoume referindo a Jácome. Non me gusta a forma de actuar do líder e dono de Democracia Ourensana, que rebaixa moito o nivel. El está na política municipal para montar o seu negocio e ridiculizar ao resto.

-Seguimos sen orzamentos, sen plan de urbanismo ou coa intermodal sen facer. Será un mandato de transición?

-O tempo pasa enseguida e esquecémosnos moi facilmente das cousas. Nós chegamos ao goberno no 2015 cando o Concello a nivel funcionarial estaba dividido, porque viña daquel bipartito. Chegamos e xa estábamos sen orzamentos e cunha nube de casos de detencións. Había decenas de escándalos políticos porque fora un mandato terrible. Darlle esa tranquilidade a administración é algo que agora non se valora. Viñemos a recuperar a normalidade. Nos momentos difíciles ten que haber líderes que saiban manter o timón aínda que haxa unha tormenta e non andar a bandazos. Ao alcalde tocoulle manexar un barco que estaba nunha tormenta e nesa situación é moi difícil comer a gusto ou pescar, pero hai que mantelo a flote para cando veñan tempos mellores. Do traballo que se fixo nestes catro anos recollerase o froito na seguinte etapa e será un froito moi rendible. Por exemplo, coa alta velocidade non tiñamos nada, absolutamente nada, e agora xa estamos en obras coa estación, que será moi potente para a cidade. Hai un largo etcétera de obras e proxectos que se visibilizarán no próximo mandato. É algo frustrante, pero estarei moi cómodo onde estea vendo como se inauguran esas obras.

-Apenas houbo consensos neste mandato, que responsabilidade se atribúen?

-Á oposición non lle interesou chegar a grandes acordos co goberno municipal, porque consideraron que se o facían se beneficiaba só o goberno. E a min paréceme un erro. Por exemplo, o PSOE viu que era positivo apoiar no plan de obras, pero non o souberon ver co plan de urbanismo. Consideraron que se se aprobaba o plan se activaba a cidade e eles perderían ese rédito. A gritos pide todo o mundo que se aprobe o plan. O PSOE xa fai tempo que non ten escusa.

-Algún punto de autocrítica?

-Penso que nos pasamos de educados, nalgúns casos. Hai xente que confundiu a educación con outras cuestións. Igual tiñamos que ser máis taxantes, pero pensamos que había que facer ese papel diplomático estando en minoría. Vimos dun mandato cun escándalo xudicial cada día, e agora non hai ningún. Antes non saía o Concello do xulgado, pero quizais tiñamos que ter arriscado máis. Apostamos por manter a calma ante a crispación que tiñamos en fronte.