«San Francisco será o gran espazo cultural da cidade de Ourense»

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

O exconcelleiro Aurelio Gómez Villar, agora asesor cultural da Deputación, lembra a creación do OUFF ou os recintos termais á beira do Miño

21 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aurelio Gómez Villar garda un especial recordo das beiras do río Miño. Lembra dos seus anos de cativo que os de Cea non tiñan moita necesidade de vir á cidade «para calquera cousa que se precisase, de arranxar algo ou mercar a ir ao médico, íamos ao Carballiño», mais rematou interno nos Salesianos por mor da emigración dos proxenitores a Alemaña -logo pasou a Cisneros «e a vida era máis entretida porque xa estaba externo»-. Na cidade cadrou por unha das beiras do río e pola outra gozou desas citas que rematan por armar a memoria sentimental dos anos mozos: «No barrio da Ponte vivían varios familiares e polas festas do Santiago facíanse as comidas á beira do río en Oira, por onde están agora as piscinas e polos arredores. E xuntábase a xente a comer a empanada e a disfrutar daqueles días de verán».

Hai nomes propios que marcaron a vida de Aurelio Gómez Villar e dous deles foron determinantes: Milucho e Miguel Ángel Pérez. Gómez Villar e a súa noiva compartían o tempo co primeiro na libraría Malleira -«moitas horas pasamos naqueles bancos que tiña alá atrás falando de libros!»- e decidiron que ese era o seu futuro. Foise voluntario á mili para non ter que marchar da cidade -«os do cuartel de San Francisco son os 24 meses máis perdidos da miña vida»- e contra o máxima daqueles anos non saiu feito un home senón un libreiro convencido. Ao pouco tempo casaron e apostaron polos seus soños: «E montamos a libraría porque o que verdadeirmente nos atraía era o mundo do libro». Tiña daquela 22 anos.

Unha aposta laboral que acabou por marcar toda a súa vida: entrou no colectivo profesional e rematou de secretario da Federación de Libreiros de Galicia. E de aí á política. «Miguel Ángel Pérez era presidente da Confederación de Empresarios e díxome que quería que os libreiros tiveramos presenza na CEO. Fixemos moitas cousas, dende a asociación Tres Pontes, e cando se meteu en política pediume que o acompañase e así rematei, por amizade, no Concello».

 

De Iron Maiden ao termalismo

Foi en 1991 cando encetou a súa experiencia política, que logo seguiu con Manuel Cabezas, Poly, Rosendo... e ata o 2015. Botou oito anos como concelleiro de Cultura e sempre vencellado, no goberno ou na oposición, a este área.

 

Naquel tempo como responsable da Concellería de Cultura de Ourense as súas grandes paixóns, a escultura e a música, tiveron materialización en propostas como a de encher a cidade de arte ou nalgunha das actuacións que puideron vivir os veciños da cidade -no móbil garda a imaxe do «primeiro concerto internacional que organizamos: foi o de Iron Maiden do 22 de maio de 1998-.

 

Daquela etapa lembra proxectos como a posta en marcha do OUFF. «Foi unha iniciativa de Eloy Lozano, que lle prantexou a Cabezas e que o alcalde viu viable. E a min correspondeu poñelo en marcha. O primeiro ano foi difícil, mais aí segue e demostrouse que Ourense pode ter un festival de cine e moito que dicir no sector». Tamén cadrou naquel tempo a creación do Auditorio e a sinatura do convenio co actual presidente do Goberno, daquela ministro, para crear as novas sedes do Arquivo e a Biblioteca: «É certo que vai con retraso, mais cando se remate San Francisco será o gran espazo cultural de Ourense». O termalismo, foi o primeiro concelleiro con esta responsabilidade, representa as dúas caras da moeda: está orgulloso das instalacións creadas á beira do río e recoñece que a espiña cravada foi non conseguir materializar o hotel termal da cidade.

 

Un referente para Galicia

Aurelio Gómez Villar volveu ao sector ao que estivo vencellado toda a súa vida na súa condición de asesor cultural da Deputación. E no seu novo cometido cre que hai moito traballo a realizar: «A ICCWeek ou a mostra dos suevos son referencias para Galicia. Nesa liña temos que traballar porque Ourense debe xogar un papel importante na cultura galega».

«O Parque Miño marcou o inicio dun proxecto artístico exemplar»

Aínda que matina na Alameda ou no Parque Barbaña como o seu lugar emblemático da cidade, finalmente aposta por un espazo que ten unha presenza significativa na súa vida e nos seus recordos «e que marcou o inicio dun proxecto exemplar». Era naquela altura concelleiro de Cultura e lembra perfectamente como se xestou a iniciativa: «Contei coa colaboración de Benito Losada e xuntámonos cos escultores, moitos e bos, que tiña esta provincia para propoñerlles a idea. Dáte conta que falamos dun momento no que estaban Acisclo, Buciños, Borrajo, Arturo Baltar, Faílde, Xosé Cid ou Conde, entre outros». Asinaron daquela, era 1996, un convenio co Concello para dotar de esculturas aos espazos públicos «a módico prezo. Os artistas implicáronse e a cantidade que recibían estaba por debaixo do seu valor real. As primeiras pezas foron as do Parque Miño e logo seguiuse por otras rúas e prazas da cidade».