Repasando a historia de Cruz Vermella en Ourense descubrimos un pasado en branco e negro que en ocasións non dista moito da actualidade. As merendas que as Damas da Cruz Vermella daban no convento de Santo Domingo teñen o seu reflexo nas que nestes últimos anos proporcionamos a nenos e nenas de familias afectadas pola crise. Na nosa sociedade, a máis avanzada tecnolóxicamente, podemos ver en directo nos nosos móbiles e tablets o horror de quen foxe da guerra, de quen espera coidados e atopa fronteiras. Sen dúbida ese é o noso reto máis importante de cara os vindeiros anos, garantir e protexer os dereitos destas persoas, de milleiros de nenos e nenas que piden asilo e refuxio sós mentres están en perigo de ser vítimas das mafias. Se Ourense foi no seu momento un punto neurálxico para atender feridos repatriados da Guerra de Cuba, se coidamos a persoas sen recursos nun dispensario antituberculoso, se asistíamos as emerxencias en bicicleta cando os automóbiles eran luxos ao alcance de moi poucos, a pregunta é qué non podemos facer hoxe cos medios dos que dispomos para aliviar a dor e axudar a quen o precisa. Por iso o Día Mundial da Cruz Vermella que onte celebramos é un canto á solidariedade e unha invitación a toda a cidadanía a colaborar: como socio, como voluntario, comprando un boleto do Sorteo de Ouro ou compartido no facebook a nosa acción, sexa en Grecia, Ecuador, Ourense ou Verín. A pegada de Henry Dunant déixase sentir en cada recuncho das asembleas da Cruz Vermella porque o labor humanitario realízase cos mesmos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade, independencia, voluntariado, unidade e universalidade.