Os Blancos como síntoma

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OS BLANCOS

21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para os que anden mal de memoria ou non queiran facer uso da mesma, cada quen opta pola opción que lle parece máis satisfactoria, cumpre lembrar que ese fenómeno mediático chamado Os Blancos non é cousa dun día e tampouco é o problema. Mais ben ao contrario, é o síntoma dunha teimuda realidade.

A base inicial é a dun municipio cun escenario feble e cunha realidade crúa marcada polo abandono, o despoboamento, o envellecemento e a falta de emprego. E o despropósito arranca coa nefasta xestión dun alcalde que fiou todo aos tempos do despilfarro municipal, o tributo ao poder provincial, ao caudillismo... e rematou na cadea. Logo chegou outro episodio de marcado carácter ourensán, aínda que non só, como é o do político que se presenta para dar carpetazo a un pasado para esquencer e remata botándose na mans do mesmo partido ao que combateu e ao que desprazou do poder.

Alloadas políticas a pé de páxina a realidade vai moito máis alá do que se está a xulgar, a intervención do Concello do Blancos por parte da Deputación, e non se trata doutra cousa que a de manter unha estrutura territorial superada polo tempo e as circunstancias. A provincia de Ourense axiña vai ter menos de 300.000 habitantes, en Vigo viven o mesmo número de cidadáns -tres arriba ou catro abaixo-, e unha estrutura administrativa con 92 concellos non se xustifica nen se dá mantido. Só en precario e con moitas carencias.

Os Blancos non é o problema, é a fotografía fixa da realidade esmagadora dunha provincia que esmorece.