Outro momento de especial significación foi cando, xa mociño, colleu o tren cara o norte, para estudar en Santiago de Compostela e abrir aínda máis os límites da súa visión do mundo. Pero a vida, como o mundo, xira sen parar e, as veces, a viaxe volve co viaxeiro á mesma estación de partida. Xulio Dobarro, ao que a vida levou a asentar en Vigo, volta cada vez máis frecuentemente a O Irixo dende que no ano 2016 decidiu acollerse á xubilación anticipada por razóns familiares. «Son fillo único e meus pais, que van maiores, viven aquí, no lugar de Saavedra», conta. Así que, cada vez con máis frecuencia, este mestre xubilado volve a escoitar «o zumbido das maquinas diésel e dos modernos Avant ao seu paso pola cima do lugar e polo fondo de Casares, onde me criei». Dispor de máis tempo libre tamén lle permitiu rematar o libro O Irixo. Patrimonio Cultural, un traballo que resume a riqueza material e inmaterial deste municipio ourensán e no que se palpa o amor pola terra natal e a súa querencia pola etnografía e a toponimia dos lugares.
Quen é.
- DNI. Xulio Dobarro Ferradás naceu no pobo de Casares do Campo, do concello de O Irixo, no ano 1956. Está casado e ten dous fillos.
- Profesión. Foi profesor de Lingua Galega e Literatura tras licenciarse na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, onde fixo a especialidade de Románicas, posteriormente convalidada a Hispánicas coa especialización en Galego-Portugués. Xubilouse, como catedrático, no ano 2016.
- O seu rincón. A estación de O Irixo está xunguida a multitude de lembranzas da infancia e a adolescencia.
«O balance da miña traxectoria no ensino é moi satisfactorio»
Xulio Dobarro estreouse como mestre no ano 1981 no colexio La Salle de Santiago, pero o seu camiño profesional foi fundamentalmente no ensino público, primeiro combinando clases entre centros educativos de Celanova e Bande, despois entre Verín e Xinzo, máis tarde no Politécnico e o IES do Castro, en Vigo. Un periplo que lle brindou incluso a ocasión de dirixir dous centros e do que asegura sentirse contento. «O balance que fago da miña traxectoria no ensino é moi satisfactorio. Baixo o meu punto de vista, aínda que seguro que si lle preguntaras a algún dos receptores haberá seguramente opinións dispares», comenta. «Sempre me sentín moi agusto cos alumnos, penso que tiven boa relación con eles; sempre quixen sacar aos alumnos da aula, con actividades extra escolares, a pesares de que isto me dera algún que outro sinsabor nalgunhas viaxes», relata.