Comezou en Muíños a rodaxe de «O corpo aberto»

La Voz

MUÍÑOS

MARCOS PEREIRO

A película de Ángeles Huerta, unha proposta de «terror folk», está baseada nun conto de Ferrín

12 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A rodaxe da que será a primeira longametraxe de Ángeles Huerta comezou este luns en Muíños. Segundo as previsións do proxecto a gravación desenvolverase durante seis semanas por diferentes localizacións da raia seca, entre Muíños e Montealegre. «O corpo aberto» conta coa participación dos actores Tamar Novas, María Vázquez, Victoria Guerra e Federico Pérez e o filme é «unha proposta de terror folk baseada nun relato de 'Arraianos', de Méndez Ferrín». A longametraxe é a nova proposta da produtora Ollo Vivo -iniciativa impulsada por Gaspar Broullón e os irmáns Pepe e Jorge Coira- e para este proxecto de coprodución hispano-lusa contan co apoio de Fasten Films (Cataluña) e Cinemate (Portugal). Xunta, Goberno, Radiotelevisión Española e Televisión de Galicia participan nesta iniciativa. As previsións pasan por estrear «O corpo aberto» no outono do 2022. A película será distribuida por Filmax. 

Ángeles Huerta rodará en escenarios de Tourem e Pitoes (Montealegre) e nos concellos galegos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín. Todas as localizacións están dentro da zona do parque natural do Xurés-Gêres. A película de «terror folk» toma como base o conto «Lobosandaus» e a historia, ambientada en 1909, narra a historia de Miguel, un profesor novo que ten como primeiro destino unha pequena aldea de montaña situada na fronteira entre Galicia e Portugal. Lobosandaus é un territorio inhóspito, un lugar habitado por xente ruda e con tradicións tan remotas como a propia vila.