Gregoriano

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

MONTERREI

11 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

esencial permanece. Cheguei a esa conclusión logo de falar co meu primo Gerardo, coleccionista, melómano, paseador e lúcido analista. Queres tomar algo?, pregunteille. Dixo: «Non, con que poñas música gregoriana teño dabondo». Era unha tarde serena, vinte catro graos, un vento acariñador e o sol lambendo as abas de Monterrei, gorentoso e amante. Así, mentres os altofalantes da política instalaban a «Nueva Normalidad» e dietistas ou dietarios comentaban de hábitos gastronómicos e gorduras adquiridas neste período hibernal, o meu primo Gerardo falaba. Adelgazou catro quilos a base de subir e baixar escaleiras. Concretamente, 789 cada día do confinamento. Está cañón, di a súa muller, a prima Luisa. Pero tamén aproveitou o tempo perfeccionando as súas actividades máis lúdicas: coleccións diversas que só el posúe en todo o mundo. Non falo á lixeira. Compilou os alcumes das xentes de Verín, a estas alturas un total de 1.170 sobrenomes, todos xustificados e con explicacións minuciosas. Tamén rexistrou as datas de falecemento, causa e hora exacta do óbito dos veciños máis relevantes dende o ano 1970. Xa chegou á cifra de oitocentos nomes raros, de Altagracia a Genovevo, de Bardomiano a Pantaleón. Posúe a foto de seiscentos actores que protagonizaron éxitos nos vellos cines de Verín e 1.165 carteis de películas proxectadas nas nosas salas. Está en forma. Noteino cando me falou das Grecas e da mili no Ferrol. Daquela, 1975, en todos os bares soaba Te estoy amando locamente. Pero o Gerardo xa non é aquel mozo. Cambiou. Agora escoita canto gregoriano. Estrañoume. Pregunteille: pasouche algo, Gerardo? Moi serio, contestou: «Con esta música durmo mellor». O esencial permanece.