Atardece mentres escribo esta columna. Na fronte, o castelo de Monterrei presidindo a vida. Dende aquí observo o mundo con maior lucidez. Parado. Instantáneo. Sabendo que vivir é un oficio que por veces rabuña. E hai que seguir. En ocasións un quere morder cos seus dentes cada anaco de verde, de lúa, de nube, e só pode imaxinar un baleiro inmenso percorrendo as entrañas da terra. Esta terra. Tan fatigada. Despois do entroido alguén debera sinalar un camiño para que as lágrimas non sexan a pascua habitual desta España atribulada, decadente: partida en bloques. A dor é un estado do ceo. O ser humano paréceme tan indefenso diante de todo. Pequeno, vulnerable, fráxil. Sen preocuparse pola súa estatura diminuta perdida diante dos enigmas todos do universo: as estrelas penduradas do ceo, como buratos que deixan ver a lucenza doutros mundos máis claros. ¿Que é o que non funciona nesta España confusa? Négome a seguir repetindo os mesmos argumentos. Négome porque me sinto iluso. As montañas non se moven de sitio por moito que eu mire cara a elas. Nin cambia a música, en sol menor, que escoito nesta tarde en que golpeo as teclas miúdas do ordenador. Non chegaremos a Ítaca. Só nos queda soportar con altura a realidade. Que non é a máis azul por moito que nós queiramos. Pero tamén cabe tomar un respiro. Unha porción mínima de tempo. Abrir a fiestra que me separa do mundo. Aproximarnos á primavera. Reclamar tenrura contra os bloques, contra o rancor e o odio. Tal vez con iso sexa suficiente e non regresen as lágrimas, insolentes, ocupando o breve espazo que vivimos. Tal vez, dende agora, a realidade lastime un pouco menos. Un pouco menos. Cando remata febreiro, Galicia.