Sentirás a desilusión, peito arriba, coma serpe que quere afogar e afoga: estúpida torpe banal. O desencanto, as balas da decepción tramando abismos e feridas. Sentirás dor, pero non acabará aí. As cicatrices son restos de vida: vida vivida. As portas pechadas son portas que queren abrirse. Tras das brétemas pían sonatas os xílgaros. Alá, nos horizontes. Falo deles este xoves con melancolía. Agardei moitas noites a súa arribada. Cando as estrelas desaparecían, eu procuraba estrelas na néboa. E cando podía ver dende o meu cuarto de traballo (cabalo na tormenta) o castelo de Monterrei, sentíame feliz. Agarrábame á primeira luz como un náufrago de todos os naufraxios: os do corazón, principalmente. Hai profesionais do fracaso. Confeso que non sentía ningún afecto por min mesmo. Houbo un tempo grismarrón. Daquela só vía horizontes nas madrugadas de bar en bar, ou de poema en poema: todo era o mesmo. Hoxe quero ver horizontes por todas partes. Quizá porque aprendín a non mirarme nos charcos. Levanto a cabeza e observo: homes, mulleres, cofrades do presente. Velaquí o único segredo da vida: sentir, compartir, dar. O inferno non son os outros, esa é unha pose literaria. Nos outros está o paraíso. As uvas de Eva e non as mazás. Só poderás velas se non miras demasiado os charcos. Se non queres contemplar alí o teu rostro. Mírate lonxe, onde o vento perde o nome. Lonxe, onde nace o sol e a eternidade é un momento, bico, abrazo, necesaria caricia. Os horizontes humanizan. Hoxe, aínda que pareza outra cousa, quixen falar da esperanza. Sen esperanza é inútil, estúpida torpe banal, a vida.