O Concello que preside o popular Alberto Pardellas inclúe no proxecto de obradoiro a creación dun centro para o coidado de animais domésticos e zona de enterramentos
24 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A provincia de Ourense conta na actualidade con dez proxectos de obradoiros en marcha, iniciativas centradas de forma preferente na recuperación de espazos degradados, enclaves naturais e elementos patrimoniais. Mais tamén aparecen propostas poco comúns para este tipo de accións encamiñadas á formación das persoas desempregadas: en Melón inclúese no proxecto de obradoiro a construción «dun centro para o fomento e coidado de animais domésticos ou de compañía», instalación que incluirá «tamén a construción dun cemiterio para os animais».
Servizo para o sur de Galicia
Na memoria dos proxectos a desenvolver no marco do obradoiro Santa María de Melón II -cun orzamento total de 615.020 euros e con 29 alumnos- o Concello de Melón xustifica a proposta do cemiterio nunha circunstancia como a de «que temos coñecemento de que o único que existe en Galicia está na Coruña, non habendo ningún na provincia de Ourense, co que se podería dar servizo ó noso Concello, ós arredores e a diferentes zonas da provincia».
O centro para o «fomento e coidado de animais domésticos ou de compañía» terá como obxectivo albergar «á cantidade dos mesmos que aparecen abandonados no pobo a diario» e a outros municipios da provincia «á vista dos inconvintes que presenta a súa recollida pola escaseza de centros autorizados ou de saturación dos mesmos».
Ademais de disfrutar da paz eterna, chegado o tempo, os «inquilinos» do centro de animais domésticos ou de compañía do Concello de Melón contarán con todo o necesario para garantir unha excelente calidade de vida, xa que entre outros servizos no centro haberá canceira, gateira, dormitorios para cabalos, humidal, campo de adestramento, área de paseo para mascotas, quirófano, enfermería, cociña e outras dependencias, así como personal para atendelas.