«A Galicia oficial ignorou a Francisco Carballo»

A asociación amigos do historiador celebra mañá en Maceda un roteiro para reivindicar o legado do intelectual


Maceda será o escenario, mañá, do cuarto roteiro cultural que organiza a asociación Amigos de Francisco Carballo para pasear polos lugares nos que o intelectual e sacerdote- falecido en Salamanca no 2014- deixou pegada e formaron parte importante da súa biografía. Desta volta, o roteiro céntrase na vila de Maceda, comezando ás 11.30 na cafetería Castillo, para continuar cunha visita ao Museo do Médico Rural e cun acto central na biblioteca municipal Francisco Carballo, ás 12.15 horas.

-Cal é a motivación dos roteiros?

-Carballo morreu en 2014, o 29 novembro e daquela decidimos facerlle unha homenaxe en Maceda. Bieito Seara decidiu facer unha asociación e eu, roteiros polos seus lugares, unha palabra que el dicía moito. O primeiro foi pola contorna de Asadur, a casa natal, o cemiterio. O segundo, por Vigo, Madrid, o terceiro pola contorna de Maceda e o santuario dos Milagres e o este cuarto, centrado na vila. O próximo será en Pontevedra, Queremos vindicar a súa figura e o seu legado. Era relixioso pero viviu de ser profesor universitario de Historia, sabía moito e creou unha escola de historiadores. Foi presidente da empresa editora de A Nosa Terra. Carballo da moita cancha. Foi teólogo, xornalista columnista, historiador e político.

-É aínda actual?

-Na miña intervención, ao presentar a bitácora da asociación, www.fcarballo.blogspot.es -que ten dous anos de vida e 170 achegas- recuperarei a noticia da exposición do cadro de Castelao sobre o mestre Alexandre Bóveda cun post vencellado con isto. Carballo era un home incrible, tiña a potencialidade de estar actualizado con todo. Foi un intelectual de intelixencia impresionante. Este acto será na biblioteca que leva o seu nome. El legou todos os súa biblioteca persoal ao Concello de Maceda. Alí se proxectará un vídeo de Tareixa Navaza, o último da serie “Arredor de nós”, sobre Francisco Carballo.

-Pero en Maceda si era coñecido, non si?

-En Maceda, si foi alguén central. Pero a Galicia oficial ignorou a Francisco Carballo por ser cura e nacionalista. Non se entendía. Viña dun teologado en Salamanca e renunciou á carreira eclesiástica e a ser bispo para vir a Vigo a un piso de curas obreiros, a facer igrexa de base. A Maceda viña cada ano, polo verán, e quedaba coa xente na cafetería Castillo. Alí montábase unha tertulia pois el era un grande orador.

-Céntranse este ano na faceta relixiosa del?

-Cada ano dámoslle un enfoque. Intentamos convidar a xente vencellada con el. Intervirán dous teólogos, Manuel Peleteiro, un cura progre dos Milagres, e Antón Gómez, ex cura obreiro da etapa de Vigo. Nos seus últimos anos, Carballo volveu a unha etapa máis interior, máis ao pensamento relixioso aínda que sen descoidar os demais. Sempre participou no mitin do 25 de Xullo na Quintana.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

«A Galicia oficial ignorou a Francisco Carballo»