GPS

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CENLLE

Ás veces miramos a tecnoloxía como se fora neutral. É dicir, como se un cacharro non fose concibido por un grupo de persoas concretas, nun lugar concreto, ou desde unha visión do mundo moi particular. Pero todo iso impregna de arriba abaixo o seu deseño. Por exemplo, as zapatillas deportivas con tecidos impermeabilizantes resisten moi pouco os paseos invernais galegos, onde a humidade non provén só do chan, senón sobre todo dos lados. Os smartphones con grandes pantallas son concibidos para un medio urbano no que hai enchufes por todas partes. E logo está o GPS! Todos sabemos o ben que se leva o GPS por Galicia.

Creo que son posuidor dun dos primeiros navegadores de coche que houbo no país. O primeiro día que o probamos -sentiámonos como axentes 007 Parroquias- xa nos deu un gran baño de realidade. O primeiro de moitos. Acabou meténdonos ata o fondo dun galiñeiro en Cenlle, para pasmo da señora. Criamos máis no roteiro que marcaba a pantalla que no que viamos diante dos ollos.

Os GPS están pensados para países de estradas anchas, mazás urbanas rectilíneas e grandes supermercados con aparcadoiro xigante.

Un GPS galego debera ter outro tipo de filtros. Por exemplo: «Ir por estradas polas que pode pasar o coche da funeraria ou o camión da Panorama», ou «pasar polo bar no que poñen de pincho unha tapa de navallas» ou mesmo, para aventureiros, a opción «o caso é chegar». Ou cando menos, detectar as aldeas e advertir de que ás veces os camiños poden volverse moi estreitos. Digo eu.