Rodrigo Rodríguez, director do Hércules Brass: «O festival tivo unha orixe moi casual pero xa estamos nunha edición ambiciosa»

Andrea Otero OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Rodrigo Rodríguez é director e organizador do Hércules Brass Festival de Celanova.
Rodrigo Rodríguez é director e organizador do Hércules Brass Festival de Celanova. Agostiño Iglesias

Celanova volverase converter no escenario do certame de vento metal

27 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro luns dará comezo a oitava edición do Hércules Brass Festival de Celanova, unha cita musical protagonizada por instrumentos de vento metal. A este evento, dirixido por Rodrigo Rodríguez, asistirán algúns dos músicos máis importantes nesta disciplina. Un dos seus cometidos será impartir clase aos máis de noventa alumnos que veñen de varios puntos da xeografía española. Nestes cinco días de mergullo musical tamén se ofrecerán concertos para todo aquel que desexe asistir.

Cales son as orixes do festival?

Nace no ano 2014, cando nos propoñemos traer a Celanova a Enrique Crespo, un trombonista que tiña un conxunto de metais referente en Europa. O noso soño era que viñera polo que creamos un grupo para que el o dirixira. Como contabamos con Enrique e un grupo de profesionais decidimos impartir tamén clase durante a semana e dar concertos. Ten unha orixe casual pero xa estamos cunha edición ambiciosa.

Tamén van incorporar algunha novidade en comparación con outras edicións.

Unha delas será sacar música á rúa de martes a venres. Os participantes do festival e os grupos de cámara tocarán ás oito da tarde en diversos puntos de Celanova como entrante dos concertos.

É un festival de vento metal. Predomina a música clásica?

O corte das pezas é xeralmente clásico pero tamén vai haber música para todos os gustos. Unha das intencións é ofrecer concertos para todos os públicos con diversidade nos xéneros e estilos.

Como por exemplo?

No concerto inaugural do luns, que correrá a cargo da Banda de Celanova e Hércules Brass, tocarán dúas pezas especiais. Unha delas, Fantasía flamenca, terá pinceladas do flamenco; a outra, Tell me a jazz story, fará un percorrido pola historia da música jazz. Son dous estilos completamente diferenciables pero un repertorio moi atractivo para o público xeral e para o especialista.

Tamén haberá cabida para outros instrumentos que non sexan de vento metal?

Por suposto. O recital de piano e trompeta do artista internacional Sergei Nakariakov é un bo exemplo. O artista non actúa en España dende o 2019 e a visita a Celanova será a única neste 2022. Este recital é moi interesante porque o público poderá coñecer de primeira man a un dos mellores trompetistas do mundo e a Maria Meerovitch, unha pianista espectacular.

Tamén vai estar a Real Filharmonía de Galicia.

É un dos concertos máis importantes xa que moita xente se vai desprazar a Celanova só para este recital. É moi complexo ver a este tipo de orquestras fóra da súa sala principal e máis aínda nunha localidade pequena. Se vén é grazas ao traballo que estamos facendo as asociacións.

Para o último día do festival que teñen preparado?

Este día será maxia pura. Christian Lindberg, unha lenda do trombón, vén cun repertorio moi variado onde ninguén queda indiferente. Abriremos cunha fanfarria inicial que estará dedicada ás forzas aéreas danesas. Para continuar, haberá unha peza específica composta por Lindberg, un magnífico compositor chegado dende Estocolmo, denominada Brain rubbish.

Como será o peche do festival?

Cunha actuación moi especial. Os alumnos subirán ao escenario cos seus profesores para interpretar un par de pezas. Unha delas será Onde o mundo se chama Celanova, composta por David Rivas.