A aula CeMIT de Celanova acollerá un curso sobre robótica

La Voz

CELANOVA

Santi M. Amil

A actividade desenvolverase o día 6 de setembro

01 sep 2019 . Actualizado a las 17:49 h.

A aula CeMIT de Celanova acollerá nesta semana o curso «Robótica para tod@s". A actividade enmárcase no programa que organizan entre o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), convocatoria que nesta primeira semana de setembro realizará cursos en Arzúa, Moaña, Abegondo, A Fonsagrada, San Sadurniño, O Porriño e Celanova. Os talleres que se ofrecen, en función dos concellos, están relacionados coa robótica, pilotaxe de drons, creación de App e videoxogos e animación en 3D. No caso do obradroiro que leva por título «Robótica para tod@s", o que se imparte o día 6 na aula de Celanova, o mesmo mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido. Segundo se sinala dende a organización, a  «bondade máis importante da robótica é a de separar ao alumno da pantalla e facer que interactúe co mundo real a través dos sensores e dos actuadores dun robot». Os participantes no taller «usarán o MBOT, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para facer que a programación sexa unha actividade divertida, xa que presenta os resultados dun xeito diferente. A actividade consistirá en superar mini retos. A resolución de cada reto instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot».