O Parlamento de Galicia recibe o premio Celanova, Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Álvaro Vaquero

Será entregado hoxe na vila dos poetas nun acto que comezará ás 11.30 horas

02 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Parlamento de Galicia, galardoado co premio Celanova, Casa dos Poetas, estará representado hoxe na vila natal de Celso Emilio Ferreiro e Curros Enríquez polo seu presidente, Miguel Santalices, ademais de voceiros dos catro grupos políticos que teñen presenza na cámara galega.

O premio entrégase hoxe e, segundo Fundación Curros Enríquez, confirmaron a súa presenza tres dos catro voceiros: Pedro Puy (PP), Luis Villares (En Marea) e Xaquín Fernández Leiceaga (PSdG-PSOE). Pola súa banda, o BNG estará representado pola deputada Noa Presas en nome da voceira Ana Pontón. Todos farán breves intervencións para colaborar na apertura do Parlamento ao exterior, un dos motivos deste galardón. A institución tamén estará representada por case toda a Mesa e por ex presidentes.

O acto principal será a partires das 11.30 horas, diante do busto de Celso Emilio Ferreiro, onde se fará unha ofrenda floral e cantará Amancio Prada, interpretando unha peza de Celso Emilio. Este pasado venres, 31 de agosto, cumpríronse 39 anos do pasamento do poeta celanovés. A continuación poderase escoitar o Himno do Antergo Reino de Galicia que ofrecerá o banda de gaitas do Concello de Celanova.

O premio, que acada a súa triséxima cuarta edición, entregarase no claustro barroco, arredor das doce. Alí, Miguel Santalices recollerá o galardón, unha medalla creada por Acisclo Manzano coa fachada da casa dos poetas y catro cés e un gravado de Baldo Ramos. A Fundación Curros Enríquez decidiu entregar o premio este ano ao Parlamento galego pola colaboración que mantén co organismo desde os inicios.