Celanova consolídase como plató audiovisual

Estudantes universitarios gravan na vila a curta «Luz de contra» dentro dun taller do curso de verán


celanova / la voz

Hai uns días que marchou o equipo de Isabel Coixet de Celanova onde rodaron parte do filme Elisa e Marcela e xa hai de novo actividade audiovisual na vila. Durante esta semana, estase gravando no mosteiro e en exteriores de Celanova a curtametraxe Luz de contra. É un traballo dos alumnos de Comunicación Audiovisual, do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, dentro do curso de verán que se celebrará en Celanova entre o 3 e o 6 de xullo sobre a narrativa actual do presente. Un equipo de 19 persoas, cunha maioría de mulleres que se ocupan das tarefas técnicas -cámara, iluminación, son- e da dirección e produción traballou estes días na vila; na vindeira semana farán a montaxe en Pontevedra, explicou o produtor executivo, Paulino Pérez, e director do taller audiovisual.

«Somos alumnos desde primeiro ata cuarto e este ano traballan na curta actores profesionais que buscamos por cásting. O escenario creouse no mosteiro porque se adaptaba ben e o Concello deu moitas facilidades», explicaba a produtora, Sara Bugallo. A curta está dirixida por Ana Campos. Ambas son alumnas de cuarto curso. Os actores son Cris Iglesias, que interpreta a Helena, e Xavier Estévez, que fai o papel de Carlos, máis Alicia Armenteros. «É a historia dunha parella con perspectivas diferentes que son capaces de conectar e medrar xuntos», detalla a produtora. Pérez incide en que no fondo a idea é falar da soidade trala perda dunha parella sentimental e a incomprensión da sociedade cara a diferenza de idade.

O día 6 de xullo presentarase no curso, no auditorio Ilduara, unha primeira montaxe da curta e o making of. Paulino Pérez apunta que a curta de ficción estrearase en outubro no Teatro Principal de Pontevedra e enviarase a distintos festivais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Celanova consolídase como plató audiovisual