«A Feira da rúa Encarnación de Celanova ten un pouco de todo»

CELANOVA

MIGUEL VILLAR

Corenta expositores participan na segunda edición deste mercado, que abre ás nove e media da mañá

13 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, por segundo ano, a rúa Encarnación de Celanova transformarase nun gran centro comercial ao aire libre cunha feira de todo tipo de produtos. Na organización está Francisco Villar, que rexenta unha perruquería nesa rúa.

-¿Que atopará quen vaia á feira?

-A feira ten un pouco de todo, desde artesáns a todo tipo de expositores de hostalería, alimentación, perruquería na rúa, obradoiros para nenos e nenas. Son sobre todo negocios de Celanova que van poñer prendas a prezos máis rebaixados e con grandes ofertas. Tamén algo de deportes, xoiería. Somos máis de 40 expositores en total. Este ano vén xente de toda Galicia e incluso de Asturias. E incluso algún artesán marroquí e iraní. Haberá artesáns de coiro, de madeira, de cerámica. De todo un pouco. Un amplo abanico de xente. Incluso vai haber comida, churrasquería, degustación de queixos e algún súper que vai poñer moitas cousas. Tamén imos ter perruquería na rúa, para dar algo de espectáculo. E música ambiente en directo con pandereteiras, boleros... E bo rollo para recibir a todo o que nos veña visitar.

-Distinta da Feira da Oportunidade, ¿non?

-A da oportunidade é na Celso Emilio Ferreiro. Esta é a idea de que a feira medrara por todo o pobo. Eu organizo na miña calle, a Encarnación. A idea non é copiar nin competencia algunha; todo o contrario. A idea é que medre por todo o pobo, porque consideramos que é bo para o pobo.

-¿Que horario vai ter?

-Imos estar todo o día, desde as nove e media da mañá ás oito da tarde.