Siro López firma o cartel de Castro Caldelas: «A Igrexa non me interesa, pero o Cristo si»

María Cobas Vázquez
maría cobas OURENSE / LA VOZ

CASTRO CALDELAS

Siro co cartel que fixo para a Semana Santa de Castro Caldelas.
Siro co cartel que fixo para a Semana Santa de Castro Caldelas. CESAR QUIAN

O de Castro Caldelas é o primeiro cartel de Semana Santa do debuxante. Quería que fora unha obra única

22 mar 2026 . Actualizado a las 12:14 h.

Conta Siro López que a el nunca lle pasara pola cabeza a idea de facer un cartel de Semana Santa, pero recoñece que cando o invitaron a crear o de Castro Caldelas dixo que si sen pensalo demasiado. E iso que á falta de experiencia sumouse a présa, porque non había moita marxe de tempo. Con todo, sabía que a súa proposta sería unha obra única e distinta.

«Eu son como Antonio Machado, que no poema La saeta di que está canso de ver o Cristo crucificado e sufrinte», di. Por iso decidiu representalo na resurrección. «Debuxei a tumba, o furado de onde sae, e faino cunha luz forte amarela que irradia do seu corpo. É un Xesús que volve á vida entre mulleres, porque o evanxeo di que cando resucita non había máis que mulleres alí, nin un só home... Son dúas cousas das que a Igrexa non fala normalmente», explica. Ademais, é unha chiscadela ao Cristo que hai na igrexa dos Remedios, que acaba de ser restaurado. Aos lados do resucitado aparecen a fachada do templo e a silueta do castelo medieval. «É un cartel de Castro Caldelas 100 %», destaca o debuxante.

Siro recoñece que non é crente, pero di tamén que Xesús parécelle «unha figura extraordinaria» e que o sermón da montaña «é un dos mitíns máis fermosos que se poden escoitar ou ler». E insiste: «Na miña actitude na vida son máis cristián que crentes que van á igrexa darse golpes de peito constantemente. Eu non entro nas igrexas pero creo que a miña ética, o meu comportamento, a miña actitude son a que corresponden a alguén que ten unha concepción cristiá da vida».

É o seu primeiro cartel de Semana Santa, pero non a primeira vez que debuxa a Xesús. «A Igrexa non me interesa, pero si o Cristo», remarca. De feito, entre a súa intensa produción ten unha carpeta titulada In saecula saeculorum amén que é, segundo el mesmo describe, unha crítica feroz á institución, «á utilización que a Igrexa fai da figura do Cristo despois de apartarse completamente da súa mensaxe».

Suma Siro así un novo chanzo na súa carreira artística.