Ourense, arredor de si

José A. Parente O OURENSE TERRENAL

BOBORÁS

06 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1930, o patriarca das nosas letras, don Ramón Otero Pedrayo, publicaba dende a Editorial Nós, a novela Arredor de si, unha novela na que ao longo de quince capítulos, falaba do que lle sucedía a Adrián, un mozo, e as historias que transcorrían no espazo-tempo no que a novela se ambienta.

Dende logo, o papel dos mozos está a ser cada día mais relevante, por desgraza a poboación envellece co paso dos anos e somos os mozos e mozas quen debemos seguir con ese relevo xeracional, un relevo ao que debemos aportar sempre novas ópticas e novas dimensións, pero sempre respectando a laboura dos nosos antergos. Aos mozos e mozas de Ourense preocúpanos o mesmo que aos mozos do resto do territorio galego e español, o noso futuro, un futuro que pasa por estudar e por ampliar coñecementos, uns coñecementos que logo debemos aplicar no día a día, para mellorar a nosa vida diaria e a dos demais.

No en tanto, unha das principais preocupacións logo de rematar os estudos universitarios ou de Formación Profesional, é a busca de emprego, unha busca que ás veces se converte nunha odisea pola ampla competividade e preparación, e unha das saídas que se atopan é a da volta ao traballo dos nosos antergos, que cada día esta a dar mellores resultados.

Os datos deste xa despedido 2018, na provincia de Ourense son claves. Houbo unha gran incorporación de mozos e mozas ao sector primario, nas principais comarcas ourensáns con superioridade económica deste sector primario, na comarca da Limia as incorporacións de mozos e mozas no pasado ano, medraron un 15 % na incorporación ao sector agrogandeiro, en comarcas como a do Ribeiro, cada vez son máis mozos os que retoman as vides dos seus familiares e producen caldos da denominación de orixe das terras do Arnoia.

Outro dos sectores onde os mozos se foron asentando é no sector terciario, un sector servizos que viu como moitos mozos e mozas da terra dos afiadores foron restaurando e renovando casas rurais, para desta forma albergar e recibir a turistas con ganas de coñecer as nosas terras, un dos grandes incrementos destas casas rurais se produce na Ribeira Sacra que coa declaración de BIC, ben de seguro seguira a recibir novos negocios desta índole.

As políticas provinciais axudan para que os mozos nos quedemos e medremos en Ourense, unhas políticas que dende o Chequou, axudan a formar familias e asentarse no territorio.

De seguro que as terras dos afiadores, da dama da Antela, da comarca de Valdeorras e do Ribeiro seguirán vendo como os mozos confiamos e sentimos tendo a crenza e a paixón en loitar polo territorio asentándonos e traballando por el, porque o noso presente é o futuro de Ourense e dos ourensáns, un presente que como dicía o vello Risco, forma parte da Atenas de Galicia, Ourense.