Benvido Mister 2018

José Antonio Parente O OURENSE TERRENAL

BOBORÁS

31 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás portas do vindeiro aninovo, xa soan as campanillas das pantallas e se nota o sulfradeo polo barrio de Abaixo de Xinzo de Limia, xa se sinten as chocas dos felos polas rúas de Tioira, na brétema da montaña ourensá vemos petar na porta o próximo ano. Pero que lle podemos pedir a este ano para os nosos concellos?, a resposta é fácil, non debemos pedirlle se non ofrecerlle; ofecer turismo, como fai cada fin de semana a concelleira moza de Boborás, Patricia Torres, onde mostra en roteiros culturais toda riqueza paisaxística, patrimonial e cultural que ofrece a comarca do Arenteiro, ¡Cantas Patricia Torres necesitamos!.

Ofrecer cultura, como a que ofrece a comarca da Limia, coas tres Torres que velan por todos os limiaos dende Pena, Porqueira e Sandiás que fan de vixías para o Castelo de Monterrei, cultura como a do Mosteiro do Bon Xesús en Trandeiras. Como ofrece a cidade ata abril, no centro cultural Marcos Valcarcel, coa exposición In Tempore sueborum.

Ofrecer termalismo, como ofrecen as sete vilas termais da nosa provincia de Ourense, dende visitar unha das partidas da anterga La Vuelta Ciclista a España, como é o Cenlle de Gabriel Alén pasando pola «famosa e televisiva» Cortegada de Avelino de Francisco, achegándonos ata a Chavasqueira ou as Termas do Muíño e podendo rematar no gastronómico e termal da vila do Carballiño.

Ofrecer gastronomía, disfrutar dos manxares que dispomonos ao longo da provincia, dende un bo polbo do Carballiño, ata unha boa vitela da orográfica Trevinca ou un bo cocido feito con porco celta e patacas da Limia.

Ofrecer paixón, a paixón que temos os mozos e mozas coma min polo noso territorio, no que vemos día a día máis vantaxes para loitar por el, coidalo e, sobre todo, resgardalo, para que perdure per secula seculorum ata chegar as próximas xeracións.

En definitiva, ofrecer, ofrecemos na provincia de Ourense, un Ourense da Xeración Nós e do Triángulo máxico do Entroido, dos folións de Viana e os fachóns de Caldelas, ofrecemos turismo, cultura, termalismo e gastronomía, pero sobre todo ofrecemos Ourensanía, termo acuñado por Luis González Tosar.

Decía o patriarca de Trasalba, Don Ramón Otero Pedrayo, «Só a lembranza de onde veño me axuda a saber cara onde vou…» Benvido Mr. 2018, Benvido.