Transporte

Xosé M. Rodríguez ANACOS

BARBADÁS

04 ene 2017 . Actualizado a las 21:02 h.

Moitos dos desexos, prioridades, anceios e demandas que se van promovendo nesta provincia son propostas recorrentes que pasan longos anos aparecendo e desaparecendo ata facerse realidade. Cuestión que non sempre é así, xa que a hemeroteca dá boa conta dunha chea de iniciativas que non pasaron de ser unha promesa máis dos políticos ou das autoridades de cada etapa.

Unha destas iniciativas que por agora non ten pasado das boas intencións -e por veces non tan boas, xa que en ocasións se ten denunciado o uso partidista do proxecto- é o tan amentado transporte metropolitano. Máis de vinte anos van alá dende que se falou de poñer en marcha a rede de percorridos de autobús para dar servizo á cidade e aos concellos limítrofes coa mesma. Xuntanzas e máis xuntanzas dende aquela, etapas de silenzo total, e aquí seguimos agardando polo transporte metropolitano. Pasaron dúas décadas e desapareceron moitos dos potenciais usuarios. Outros marcharon e xa non precisan de tal.

A nova data seica vai estar nalgún momento deste 2017, aínda que agora entra en baza unha nova variábel, que non é outra que os conflictos entre as empresas do sector e a desaparición de servizos pola falta de rendabilidade dos mesmos. E aí siguen agardando os concellos da área metropolitana -Barbadás, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Toén, Punxín, Coles e Amoeiro- e outras cabeceiras comarcais -a conselleira xa lle explicou a proposta aos do Carballiño- polo novo servizo para os seus veciños. Nun ano saberemos se non era máis que outro bo desexo de benvida para o 2017.