Turistas

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

AVIÓN

03 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoga ao dominó, pasea pola vila, vai á festa de aniversario da muller dun amigo... Carlos Slim, un deses homes que na conta corrente ten máis cartos dos que moitos podemos imaxinar (supoño que a xente como Neymar, con esa cláusula de rescisión, tampouco lle soa tan raro) podería pasar en Ourense como un xubilado máis que cada verán volta á casa. Porque o mexicano non é un turista, aínda que non estea censado aquí. Slim é un case (porque o que ten raíces aquí é o seu amigo Olegario Vázquez Raña) antigo veciño de Avión que volta cada verán (ou cada dous) á terra na que está cómodo. E iso vese aínda (en realidade, grazas a iso) que cada un dos seus movementos estea seguido por cámaras fotográficas. E Slim, que sae nos xornais, ben podería usarse como exemplo dunha grande parte dos mal chamados turistas que veñen cada ano á provincia e que fan que moitos lugares do rural estean estes días cheos de vida. Non son turistas, porque non veñen coñecer algo que non coñecen; son visitantes porque visitan un lugar que lles gusta, no que son felices e están tranquilos, e no que moitas veces teñen as súas raíces familiares. Mágoa que toda esa xente dure por Ourense o que dure o mes de agosto. Mágoa que esas rúas cheas de cativos volvan en moitos casos ser espazo de reunión dos seus avós porque os meniños marcharon, seguindo a uns pais (ou uns avós) que un día fixeron a maleta para ir buscar unha vida mellor. Así que agosto segue a ser un espellismo do marabilloso que sería volver ver as aldeas cheas de xentes, cheas de meniños que xogan... E de xubilados mexicanos que xogan ao dominó.