O conselleiro de Cultura visitou a Fundación Otero Pedrayo en Trasalba
20 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O vindeiro mércores, a Xunta reunirá ás principais institucións culturais galegas co fin de deseñar as actividades do Ano Oteriano. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, José Campos, na súa visita á sede da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba (Amoeiro), na que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
«A homenaxe ao considerado por todos os galegos como Patriarca das Letras Galegas debe contar coa máxima implicación, cultural e social», defendeu con respecto á celebración durante este 2026 do Ano Oteriano, declarado por unanimidade no Parlamento de Galicia. Marcouse a data co gallo do cincuenta aniversario do seu pasamento, así como o centenario da publicación de Guía de Galicia, para poñer en valor a un dos fundadores do Grupo Nós e da Editorial Galaxia, da que foi o primeiro presidente, e membro das Irmandades da Fala, ademais de mestre, ensaísta, xeógrafo, novelista e político, como membro do Partido Galeguista.
O obxectivo, dixo, é deseñar unha programación completa e transversal onde se recollan as propostas, actividades e iniciativas de todas as institucións culturais galegas.