O establecemento da rúa da Paz cesará na súa actividade depois do entroido
15 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Pasaron xa uns anos dende que na rúa da Paz abría as súas portas un proxecto novo, distinto e engaiolante. Dende Allariz chegaba a proposta liderada por dúas persoas que procedían do mundo da arte, dos libros e da cultura: Miguel Mosquera (Galería Cicular, Impresionarte) e Carlos Airas (Aira das Letras e Maruxairas). Nacía a libraría Punto e Coma e botaba a andar unha iniciativa que ía moito máis alá da actividade dun espazo editorial ao uso. A ilustración, os materiais de creación, deseño e edición propios, as presentacións, os contacontos e as sesións para os máis cativos e moitas outras iniciativas fixeron da libraría ao pé do Teatro Principal un punto de encontro para familias, novos lectores, artistas e deseñadores. Conseguiu Punto e Coma facerse axiña unha referencia inexcusable para un público fiel e militante, aspecto que se viu reforzado nos últimos tempos coas obras propias, publicadas dende a alaricá Aira Editorial —proxecto de Carlos Airas que conta con César Lorenzo como responsable da mesma—.
Mais non se desenvolveron as cousas como estaba previsto, e finalmente a libraría da rúa da Paz pasará á historia da cidade nos próximos días. Un significativo «Grazas e ata pronto» simboliza o adeus e no mesmo un texto que fala dun posible reencontro no futuro e un convite para quen lle queira dar continuidade ao proxecto. «Logo de seis anos de libros, arte e afectos, remata a etapa de Punto e Coma na rúa da Paz. Queremos agradecervos a todos os clientes o voso compromiso, lealdade e cariño neste tempo todo. Xuntos vivimos unha pandemia e varias crises. A partir de agora poderás atopar o espírito do proxecto nas librarías de Allariz Aira das Letras e Maruxairas. Se alguén ten interese en tomar o relevo e tomar a libraría cun traspaso, estaremos encantados de darlle toda a información. Unha forte aperta con olor a libros», sinala a mensaxe que se pode ler no establecemento da rúa da Paz.
Replicar a fórmula de Allariz
Dende unha realidade que non era a agardada e a imposibilidade material de darlle continuidade ao proxecto fala Carlos Airas. «A situación mudou e neste momento é imposible seguir co proxecto. Agora estou eu só coa libraría e non hai maneira, nin tempo, de compatibilizar todo», recoñece. Aira das Letras, Maruxairas —libraría de segunda man— e o Espazo BenComún, xunto con Aira Editorial, son os proxectos nos que está involucrado. A libraría tradicional funciona a diario e Maruxairas na fin de semana —na primavera amplía días de atención ao público e no verán abre toda a semana. E todo o ano por internet—. «O que non podo é deixar Allariz para vir a Ourense, porque ao final quedaría todo desatendido. Obviamente o escenario sería outro se fósemos máis neste proxecto, pero esa non é a situación», recoñece Airas.
Na rúa da Paz mantén a actividade de Punto e Coma a responsable da libraría, Raquel Pérez Barrado. Será dentro dunha semana, ao remate do entroido, cando a porta do local deixe de abrirse para atender ao público. Chegará daquela o punto final, ou o punto e á parte que poda abrir a esperanza a un reencontro futuro. Creouse en Ourense o proxecto cun plantexamento que non acadou a resposta agardada. «Queríamos replicar a fórmula de Allariz, onde na fin de semana se rexistra unha importante demanda polo tirón dos outlets e a xente que pasa pola vila, pero non funcionou como estaba previsto. Tiñamos pendente reformular a proposta pero logo veu a pandemia, e outras situacións, e xa non foi posible».